«O minimalismo dominará a edición nun futuro inmediato»

Camilo Franco

CULTURA

Xerais publica o primeiro manual de edición técnica en galego.

28 abr 2009 . Actualizado a las 19:03 h.

Editar un libro non é só poñerlle tapas e asear o aspecto dun texto. Segundo Juan L. Blanco Valdés é facer un traballo que se «se fai ben ten que resultar invisible». Blanco Valdés, editor, acaba de publicar en Xerais Do orixinal ao libro, un manual da edición técnica destinado aos profesionais, pero tamén a quen sinta curiosidade polo proceso editorial.

-¿Cal é a finalidade de editar un manual de edición?

-Editar un libro supón moitas cousas e os últimos anos cambiaron moito as posibilidades. O mundo do libro cambiou e as maneiras de editalo máis. Facer un manual serve para que todas esas posibilidades estean a man dos interesados. O libro está dirixido primeiramente a profesionais, pero serve para calquera que sinta curiosidade polo proceso editorial ou pola maneira en que se fai un libro. Por outra banda é o primeiro libro destas características que se edita en galego e tamén o primeiro feito en Galicia e polo tanto estabamos orfos deste tipo de publicación. Hai que pensar, ademais que tanto en Galicia como en España hai un nivel de edición excepcional e que nos últimos anos deuse un salto no aspecto dos libros espectacular.

-¿Considera que quen edita un libro é o autor pobre do mesmo?

-Entendo a pregunta. Se un editor fai ben o seu traballo este ten que se invisible. O traballo dos editores é como as copas de cristal, transparentes e invisibles. Nese sentido é certo que pode ser un traballo que non se aprecie e que canto menos se aprecie mellor feito estea. En todo caso, hai recoñecementos para os profesionais que compensan a discreción que debe ter un traballo que ten como obxectivo que os contidas cheguen aos lectores da mellor maneira.

-As ferramentas dixitais teñen permitido que moita xente poida editar os seus textos. ¿Como afecta iso ao editor?

-A edición estivo sempre en mans de profesionais. Agora as posibilidades son moito máis grandes e, por primeira vez na historia, calquera pode facer edición. Eu diría o 95% dos textos que recibe agora un editor veñen preeditados polo autor aínda que o autor non saiba de edición. Tamén é certo que moitos dos autores aínda escriben con dous dedos e que é necesario ampliar o coidado na edición dos textos. Quero dicir que as ferramentas de edición poden ser utilizadas, pero que os autores non sempre se paran a facelo e non sempre o fan ben.

-¿O feito de que as posibilidades de editar sexan máis amplas para non profesionais, obriga aos editores a ir máis alá?

-Está claro que si. Os profesionais temos que estar un paso por diante de calquera outra opción. Que a xente poida editar pola súa conta quere dicir que nós temos que avanzar moito máis. Entre outras cousas porque as ferramentas de edición cambian constantemente e vanse complicando. Temos a obriga de estar ao día e cando un autor di que coñece tal ferramenta para editar nós non podemos dicir que non sabemos cal é. Neste sentido temos que ser moi esixentes con nós mesmos e ter unha constante posta ao día.

-¿Como é a relación entre o editor técnico e os autores?

-Hai de todo como en todas partes. Hai autores que non deixan de pedir cousas, de estar moi encima e hai outros que non se preocupan.

-E que tipo de autores prefire ¿os que se deixan facer ou os que son algo repunantes?

-Prefiro os autores que se preocupan. Porque se a un autor lle mandas as probas para corrixir e non as devolve ou corrixe mal o libro será peor. Os autores que piden son autores esixentes e iso nunca nos ven mal aos editores. -¿Cara a onde vai a tendencia na edición?

-Desde o punto de vista técnico creo que o dominio da edición en moi pouco tempo quedará en mans de Adobe e os seus programas de edición. Agora mesmo xa deben quedar poucos restos de Quark e xa logo Adobe será a ferramenta case única. No sentido estilístico o que domina e dominará a edición é o minimalismo. Less is more (menos é máis) será a consigna e aínda que habería moitas cousas das que falar creo que será a maneira dominante no futuro inmediato.