O transporte de ría (1)

Xesús Cancelas Franco

MOAÑA

cedida

En setembro de 1745 un ilustre visitante Frei Martín Sarmiento percorreu O Morrazo

30 nov 2015 . Actualizado a las 10:26 h.

En setembro de 1745 un ilustre visitante Frei Martín Sarmiento percorreu O Morrazo e na súa viaxe pola beira norte da Ría de Vigo despois de pasar por Coiro, Ameixoada e Moaña, escribe: «Con é o embarcadoiro de Morrazo para Vigo. A Punta do Con. Logo segue a súa viaxe polo Rosal, Meira, Domaio e San Adrián e ao chegar a Santa Cristina de Cobres escribe: Ulló, embarcadoiro para Vigo, Redondela e Baiona. Referíase ao porto das salinas de Paredes».

?Sete anos máis tarde no Catastro do Marqués da Ensenada quedan constatados estes datos tanto no que se refire a Ulló como ao porto do Con. Mentres en Cangas só figuraba un barquiño de pasaxe, en Domaio tres barcos pequenos de pasaxe, en Meira dous barcos de transporte, en Tirán había tres barcos, un barquiño e una dorna de pasaxe. ?Durante moitos anos a navegación a través da ría era a vela e a remos e as embarcacións eran moi febles, o que provocaba naufraxios tal como o ocorrido o 13 de novembro de 1838 en que una embarcación propiedade de Fernando Núñez que facía habitualmente a travesía entre Vigo e Moaña afundiuse co resultado de quince mortos. A familia dun dos afogados, José Ramón González quixo perpetuar a memoria do naufraxio construíndo un cruceiro no Con que aínda hoxe permanece en pé.

?Na mesma zona, na praia do Real en 1910 outra pequena embarcación a vela que se dedicaba ao transporte de peixe entre varios puntos da costa tamén se afunde debido ao temporal despois de saír do porto do Berbés para Moaña. Faleceron o patrón e a súa muller que segundo a prensa da época fora advertida para que voltase a Moaña nun barco de vapor. ?En 1902 houbo unha folga dos patróns das embarcacións de pasaxe entre Vigo e Moaña e en previsión de desordes o goberno civil envía varias parellas da garda civil de Vigo a Moaña. Ao ano seguinte o 4 de outubro de 1903 inaugúrase unha liña de pasaxe de Vigo a Moaña con servizo a diario de mercadorías e pasaxeiros no vaporciño Eulalia que saía do molle da Pedra de Vigo e facía catro viaxes de ida e volta ao día. Unha semana máis tarde tamén foi contratado para o mesmo servizo o vapor A. Urzáiz de Benigno Barreras que saía da dársena do Berbés en Vigo. ?No ano 1904 un grupo de moañeses encabezados por Balbino R. Pombo e Emilio Barros, piden permiso para facer un embarcadoiro particular para montar una liña de vapores de pasaxe entre Vigo e A Praia de Moaña. A autorización definitiva chegaría no BOE do 1 de xuño de 1909 a nome de José Sobral Cidrás, outro dos solicitantes. Na fotografía pódese observar o vapor Gamo e o embarcadoiro ao que facemos referencia. En maio de 1907 xa estaban en servizo dous vapores o Delirio e o Senén que efectuaban trece desprazamentos diarios en cada sentido. ?Non sería ata 1912 en que comeza a funcionar Vapores de Pasaje y Turismo cando se estabilizan as rutas entre Vigo e os portos de Domaio, Meira, Moaña, O Con e Tirán, ademais doutros puntos da ría e diversas excursións.