«A historia que facemos sorprende»

La Voz

PONTEVEDRA

RAMON LEIRO

O grupo de teatro do IES Xunqueira 2 inicia hoxe, as 20 horas, no Principal, unha nova edición da Mostra de Teatro Ben Veñas, Maio

04 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O teatro tamén se vive nas escolas. Non hai, aínda, unha materia propia coma tal, pero algúns dos alumnos do IES Xunqueira 2 sacan o tempo de onde poden para preparar as obras que adaptan. Hoxe, subiranse ao escenario do Principal para dar inicio á XVIII Mostra de Teatro Ben Veñas, Maio.

-¿Canto levan inmersos neste xénero?

-Comenzamos hai un aniño. Todo ben relacionado co club de lectura que ten o instituto, no que facemos e levamos a cabo diversas actividades relacionadas coas exposicións orais, as dramatizacións, recitais de poesía... Sempre tivemos a oralidade presente, e este ano, xurdiu a idea de facer teatro, no equipo da biblioteca do centro

-Xa participaran cunha pequena de adaptación de Rosalía, ¿que traen este ano?

-Adaptamos un texto de Jordi Sierra i Fabra, Espida. Elaboramos un guión a partir da novela e puxémonos mans a obra

-A novela trata un lamentable tema, e moi actual.

-Trata do acoso nunha relación entre adolescentes que acaba en maltrato. Facémolo a través do teatro de sombras, polo que a xente ten que facer un esforzo por pórse na situación, non hai caras, e a sensación do espectador lévao a imaxinar as caras, os xestos a violencia destas relacións malsás.

-¿É a concienciación o obxectivo?

-Si, esa é a finalidade didáctica. Queremos mostrarlles aos rapaces eses sinais de alarma que deben ver nunha relación. Cando esa parella ideal se converte noutra cousa. Empeza co control no móbil, con onde está, con quen anda... E logo, acaban saíndo a ira e a violencia.

-¿Como o perciben os alumnos?

-Sorpréndelles que poida pasar desta maneira. Sobre todo cústalles moito facer de acosador. Un papel moi bipolar, que alterna o cariño cos berros, pero pasa. As rapazas non o concibían, pero teñen que ver que isto pasa.