Máis dunha decena de campamentos estivais farán actividades só en galego

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

SOCIEDAD

anton parada

O plan de dinamización lingüística «O galego campa» cumpre o seu segundo ano

09 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Rapazas e rapaces, ¿quen pertence a Ecuador?, ¿tivéchedes problemas cos cartos?, ¿como o solucionáchedes?», ante un semicírculo conformado por preto de medio cento de mozos e mozas, un monitor coordina un xogo no que a cada grupo de nenos correspóndelle representar o papel dunha nacionalidade concreta. Botando unha ollada rápida aos cartaces que portan, non é difícil decatarse da división entre países ricos e pobres.

Non, non se trata dun curso estival de gobernanza global para rapaces. Esta actividade -íntegra en galego- realizada no Campamento Xuvenil de Espiñeira en Boiro, funcionou como un pedestal perfecto para que a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; e o secretario de Política Lingüística, Valentín García, presentaran un incremento do 6 % das prazas para campamentos en todo Galicia neste verán, respecto do 2015.

Esta mellora constata un aumento progresivo anual, ata alcanzar unha cifra total de 9.046 persoas, que poderán acceder a estas estancias en distintos puntos de toda a xeografía galega. 516 prazas máis que no ano pasado. Pero o verdadeiramente importante desa sinerxía, entre as dúas áreas antes mencionadas da Xunta de Galicia, é a segunda edición do programa de dinamización lingüística O galego campa

A importancia da fala

O percorrido que están a realizar Vázquez e García polas diversas instalacións -públicas e privadas- dos campamentos de verán que impulsan os seus departamentos ten como finalidade exhibir as actividades deste plan de inmersión lingüística, que está sendo acollido por 17 dos centros adscritos ao programa.

«Queremos promocionar a lingua galega entre os máis pequenos, nun momento no que o están a pasar ben e gozando do seu tempo de lecer», explicou Cecilia Vázquez da combinación proposta entre a defensa do idioma e unha cita de carácter lúdico, moi habitual nun período no que algunhas familias que aínda non colleron vacacións precisan un desafogo, sabendo que os seus fillos estarán entretidos á vez que adquiren coñecementos produtivos.

«Este ano tiñamos preto duns 3.000 nenos que se quedarían sen campamento, pero a idea da Xunta de Galicia é que ningún rapaz se quede sen o seu», comentou a directora xeral de Xuventude sobre a necesidade de colaborar co sector privado, xa que só dispoñen de 13 centros públicos. Por outra banda, tamén aproveitou para confirmar que en futuras xornadas seguirase a ampliar o número de prazas. 

Gozar en galego

«Un país sen fronteiras! Un país sen fronteiras!», así clamaban os pequenos no ocaso deste xogo internacional, antes de que Valentín García comezara a preguntarlles pola experiencia: «¿Quen de aquí non sabe falar galego?, ¿ninguén? Esa é a razón de que esteades aquí, empregar a nosa lingua para que non se perda».

Á vez que os dous representantes institucionais charlaban cos mozos, resolvíase o resultado da actividade coa vitoria do bando encarnado polos países pobres, cunha lección moi clara: a unión e a solidariedade entre eles fan a forza. E ata as risas de ledicia parecían resoar en galego.

Unha experiencia exitosa, xa levada a cabo noutras comunidades autónomas

«O galego campa» cumpre este verán a súa segunda edición, tralo éxito colleitado no seu estreo o ano pasado. Este tipo de actividades, enmarcadas na realización de campamentos para persoas de 9 a 30 anos, están programadas en base a unha serie de variables como o lugar de procedencia, o ámbito rural ou urbano, xa que no segundo son de maior utilidade polo menor número de galegofalantes. O País Vasco ou Cataluña son dúas comunidades autónomas que xa implantaron medidas similares no seu territorio para apostar polo vasco ou o catalán. En Galicia, o incremento da cifra de prazas certifica o éxito deste plan lingüístico.