Carlos Quiroga: «Un encontro literario internacional sería unha riqueza para Compostela»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

Lembra o éxito de «Latim em Pó» e agora das Correntes d?Escrita en Portugal

20 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise do coronavirus obriga a que Compostela celebre estes días na rede o festival Alguén que respira!, organizado para conmemorar o Día da Poesía. É un acontecemento literario que xunta autores galegos e do exterior nesta terceira edición. Carlos Quiroga, profesor da USC e escritor, consta no programa, e ofreceu colaboración «como fixen antes coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, o Pen Clube e noutras ocasións. Estou convencido que consolidar un gran encontro literario internacional sería unha riqueza para Compostela. Aquí hai o atractivo da Literatura Medieval, do Camiño de Santiago ou ser onde naceu Rosalía de Castro. Póvoa de Varzim, por exemplo, cidade portuguesa que está a unhas dúas horas e media de distancia, aproveita que naceu alí Eça de Queirós e promove as Correntes d’Escrita, que levan 21 edicións anuais e están a ser moi beneficiosas para a súa proxección internacional cultural, turística e noutros ámbitos, alén do beneficio económico», afirma.

Quiroga lembra como no ano 2000 coincidiron, en febreiro a primeira edición das Correntes d’Escrita e, en decembro, para finalizar a Capitalidade Europea da Cultura, o encontro internacional Galego no mundo. Latim em Pó en Santiago. O festival da Póvoa de Varzim continua, e congrega unha semana cada ano a escritores, editoras, críticos, docentes, medios de comunicación, políticos e outras representacións, alén do mundo do cinema. Ten mesmo apoio do Instituto Cervantes. Hai mesas redondas, conferencias, espectáculos, proxeccións e moitas outras sesións. E Latim em Pó no se repetiu: «É pena que sexa así. Porque Latim em Pó tivo beneficios económicos e un enorme impacto, ninguén dubida que resultou positivo para a cidade e para cultura galega, polos contactos que se fixeron e pola repercusión que conseguiu. E para o Concello de Santiago non foi un gran esforzo».

Unha diferenza importante entre ambos acontecementos, acrecenta Quiroga, é que «na Póvoa de Varzim, a maiores do Concello e outras institucións, hai gran apoio de empresas privadas, desde o Casino da cidade a multinacionais do motor, empresas turísticas potentes e outras. Porén, Compostela ten un atractivo enorme. Proba diso é que na Póvoa de Varzim queren que as Correntes teñan unha extensión aquí. Houbo intentos os 4 últimos anos, que non prosperaron, e confío aínda que desde o Concello de Santiago se faga un esforzo. Como fixo este ano Cataluña, que tivo unha presenza ben importante», di.

Quiroga coñece ben o encontro desa cidade portuguesa, pois desde o 2003 foi convidado todos os anos, e nunha das edicións unha obra súa foi finalista do premio literario internacional que convocan as Correntes.

«Este ano 2020 tería sido magnífico para unha colaboración entre a Póvoa de Varzim e Compostela, pois ben que se podía ter aproveitado o feito de ser o ano que aquí se lle dedica a unha figura tan enorme como é Ricardo Carvalho Calero, gran poeta, crítico, profesor e emblema literario», refire. Carlos Quiroga é profesor no mesmo departamento da USC ao que pertenceu Carvalho. «Non fun alumno del, aínda que si o tratei. E mesmo colaborou no Mono da Tinta, unha revista que eu dirixía e para a que nos deu un poema excepcional», lembra.

As Correntes d’Escrita deste ano non as esquecerá, pois tivo que facer a proba do coronavirus polo seu contacto estreito cun participante, o escritor Luis Sepúlveda, «porén só el e a súa muller deron positivo, o resto demos negativo; cando estou na casa é agora, pola situación que vivimos aquí», refire.