«Buscamos vencer mitos e estereotipos sobre as persoas con discapacidade» 

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

RAQUEL CACABELOS

Ensinan estratexias como facer un videocurrículo ou unha entrevista laboral por skype

23 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O 30 % das 150 persoas que participan no programa Cogami integra a través das TICS traballaban a finais de xuño. O proxecto ten financiamento da Fundación Vodafone: «O obxectivo é conseguir un 43 % de ocupación a final de ano, e pensamos que se superará. O ano pasado chegamos ao 62 %», afirma Mari Carmen Insua, coordinadora do Servizo de Intermediación Laboral (SIL) da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), que promove a iniciativa.

-¿De que se ocupa o SIL?

-Axudamos a buscar emprego a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida pola Xunta ou pola Seguridade Social. Ofrecemos información, orientación e asesoramento para que consigan o obxectivo. Hai persoas que, por un accidente laboral ou outras causas, teñen unha incapacidade para a profesión a que se dedicaban habitualmente, aínda que si poden realizar outros traballos.

-¿Como axudan a esas persoas?

-O primeiro é coñecer a súa historia, experiencia, intereses, capacidades e tamén, por suposto, as súas limitacións. A partir de aí trazamos un itinerario adaptado para cada persoa, vemos que accións necesita para a incorporación ao mercado laboral. Insistimos moito na formación, porque cada vez as empresas piden xente máis cualificada. Traballamos con outras entidades en rede para facilitar a formación, e tamén en programas con empresas.

-¿Como son os programas con empresas?

-O programa Cogami Integra a través das TIC, por exemplo, que facemos en colaboración coa Fundación Vodafone, potencia as tecnoloxías como un apoio máis para a procura de emprego. A sede principal está en Santiago, onde atendemos a 24 persoas; e hai profesionais de presenza física nas outras 6 maiores cidades galegas. Parte das 150 persoas que participan veñen á nosa sede; e, pola dispersión da poboación galega, hai compañeiros que van ás zonas situadas máis lonxe para prestar apoios, o que se fai a través de convenios con asociacións e concellos.

-¿Quen participa nese programa?

-Son todas persoas desempregadas. Tiveron prioridade mulleres de zonas rurais, e con máis de 6 meses en situación de desemprego. O programa dura un ano. Hai sesións individuais e grupais, e para que teña éxito necesitamos que as persoas se impliquen.

-¿Que lles ensinan nesas sesións?

-Formamos en novas tecnoloxías; e en como facer un currículo; buscar emprego a través de Internet; gravar un videocurrículo para que a persoa se saiba vender laboralmente e evidencie como se desenvolve en 2 ou 3 minutos; ou sesións de círculos de emprego, para coñeceren experiencias de outras persoas que buscan traballo. E en aplicacións de procura de emprego, en simulación de entrevistas laborais por skype; ou no programa Poténciate a través plataforma Moodle de desenvolvemento profesional.

-¿Que expectativas teñen?

-Nós tentamos responder ás necesidades de cada participante. Hai persoas que, tras ser incapacitadas, non saben como comezar a buscar un novo emprego, teñen que aprender estratexias.

Para outras, sen experiencia, facilitamos prácticas non laborais en empresas, para que vexan como é a dinámica laboral. Fan esas prácticas aseguradas, e iso facilita tamén que as empresas coñezan a esas persoas.

-¿Que resultados conseguen?

-Penso que son satisfactorios. Outro dos obxectivos centrais da actividade do SIL é que buscamos vencer mitos e estereotipos sobre as persoas con discapacidade para que se podan incorporar ao mundo laboral.

-¿Que mitos e estereotipos?

-Por exemplo, que son persoas que van coller moitas baixas, ou que non van realizar o traballo como outra persoa. E informamos ás empresas das axudas para a contratación desas persoas dos colectivos que atendemos. A nosa experiencia é que se as empresas proban e as contratan, despois continúan.

Orientadora. Mari Carmen Insua é licenciada en Económicas. Foi orientadora laboral, técnica en creación de empresas e xerente. Está en Cogami desde o 2009 e coordina o SIL desde o 2013.

O Servizo de Intermediación Laboral (SIL) de Cogami. Ten más de 30 orientadores e técnicos en toda Galicia.