É mellor ser un heroe da clase obreira que ser o chico dos recados que manda o tendeiro a cobrar as contas. Os bedeis dunha banca que despediu aos bedeis hai moito tempo.
18 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Francamente, entre un prato de comedores de patacas e unha hipoteca prefiro gastar no prato de patacas. Aínda diría máis, entre pagar a hipoteca e unha ración de flanín El niño tamén prefiro gastar no postre. En caso de apuros son partidario do urxente antes que o imporante. Pero comer é as dúas cousas.
Eu estou orgulloso da miña clase social, que leva pagando as hipotecas que adquiriu toda a vida e que leva pagando as hipotecas que lles endosaron toda a historia. Estou orgulloso do pagadores que somos e estou orgulloso de que as nais de clase estean orgullosas do comedoriños que somos.
Un heroe da clase obreira é algo que ser. Algo mellor que ser deputado. Mellor que ser tertuliano. Mellor que ser esa clase de políticos que son o chico dos recados que o tendeiro envía para cobrar as contas. Os bedeis dunha banca que despediu aos bedeis hai moito tempo.
Incluso os que non teñen vocación de clase obreira saben que distribuír a riqueza é a primeira obriga dunha sociedade que queira madura. E deixar de pagar a hipoteca para comer paréceme un xeito estremo e práctico de redistribuír a riqueza. E nin sequera falo de xustiza. A xustiza sería deixar de pagar a hipoteca para comprar sobres de flanín El niño.
A nova xira de Los Suaves promete volver aos oitenta e noventa. É nesa época cando se cruzan esas dúas conquistas de clase: as cancións sobre Dolores que acaban de Lolas sen ter sido nunca Lolitas e os postres de sobre. A sobremesa á que tiñamos dereito aqueles que non podíamos sequera pensar en ter unha hipoteca. Foi naquela época na que a banda arrastraba con ela a lenda do madero cantante e aínda se facían bastantes distingos entre rock duro e heavy. Foi naquela altura na que ser comunista deixou de ter glamour intelectual e na que o único cambio que se deu entre os moitos posibles foi o da chaqueta de pana por unha cruzada con ombreiras. Pero a clase obreira aguantou mentres algúns bancos pecharon porque na clase obreira sabemos que, pase o que pase, non hai que deixar de comer.
Música | Los Suaves
Sala Capitol
Días: Mañá
Horario: 20.30
Entradas: 18 (ant.) 22 (taquilla)
Petición popular | Record Store Day
Resucitar é de mortos
A memoria é insultante. Os discos que máis lembro son os que non me devolveron. Tamén recordo o caros que eran. Pero me engano en todo. Debería recordar mellor os que non devolvín e debería lembrar que o problema dos prezo dos discos non era deles: era que eu non tiña cartos.
A memoria é insultante e a especie tamén. Hai dez anos que os discos estaban acabados e hai tres que sentenzamos aos cedés. Unha vez que rezamos o responso correspondente, que vemos a lápida correctamente colocada sobre a terra do cemiterio é cando empezamos a entender que fixemos algo mal.
Despois comezan os escollidos a marcar distancia, a dicir que a corrente principal non vale, que é o consumismo o que nos leva a cambiar de soporte e que tal e que cual e que para escoitar música nada como un disco dos de toda a vida, aínda que ninguén explique que é toda a vida. Hai veces que o fan con tanta intensidade que parecen confundir disco con música, como libro con lectura.
Pero eu digo que si. Que non debéramos ter sido tan taxativos coa desaparición duns nin coa aparición dos outros. Que hai sitio para todos incluso desaparecendo o discurso socialdemócrata. Que hai un vinilo de 10 pulgadas con cancións de cinco bandas galegas para celebrar o día das tendas de discos. Que só lamento que quen me dixo que o tocadiscos era un aparello inútil agora diga que hai que recuperar os discos. A memoria é insultante.
Teatro Principal
Días: Sábado, 20
Horario: De 12.00 a 14.15
Entradas: De balde. Discoprecio: 12.00 / Discos Fans: 12.45 / A Reixa tenda: 13.30 / Miranda: 14.45.
Música | Loquillo y Trogloditas
¿Por que non fuches?
É fatal para o fígado deixar as cousas no territorio do desexo. É fatal para a razón deixar os argumentos nas mans das metáforas. Loquillo debeu ir a L.A. e non deixar tantas dúbidas sobre rubias fuxitivas e barrios desclasados pero de clase obreira.
Puído ter conseguido ese futuro rutilante de rock and roll star no que as anfetas, lonxe de ser un medio vida, son un pasaporte seguro para escribir unha boa letra de canción e trinta malas. Pero quizais lle puído o dandismo. Que é, como ben se nota, unha forma elegante do narcisismo máis elemental. No rock é difícil envellecer ben por iso foi tomando aire coa poesía que, cando se utiliza mal, é algo que distancia moito. A chulería tamén distancia moito, pero só cando non se utiliza como arma defensiva. Non é a primeira vez que un rocker acaba en crooner. Pero os tempos están cambiando.
Auditorio de Galicia
Días: Venres, 19
Horario: 21.30
Entradas: 28 euros + gastos de distribución. 32 en billeteira.
Danza | Licenciada Sotelo
Estamos aquí ou non estamos
De pronto nos comportamos en automático e deixamos de prestar atención ao que facemos. Deixamos de darlle importancia as cousas cando se fan tan frecuentes que parecen naturais. Aínda que sexan loucura. Mentres o aparello de propaganda dos partidos do mal emite constantes barbaridades para afacernos a elas, nós imos cambiando o dial da radio sen decatarnos. Un día anunciarán a sentenza de morte de toda unha clase sen que ninguén cambie o xesto.
Habería que reconsiderar a diario onde estamos sen dar por feito como estamos. Deberíamos combater a preguiza de estudarnos. Igual deberíamos esquivar o prexuízo de observármonos como unha especie animal, con esa tendencia a converter todo en rutinas desde a lei do menor esforzo. Incluso para pensar cada día, que din que non fai ningún tipo de gasto.
Teatro Principal
Días: Venres, 19
Horario: 21.00
Entradas: 8 euros