«Unha porcentaxe alta escolle o bacharelato inadecuado»

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Ojea acaba de publicar un programa de orientación vocacional para que o alumno constrúa as súas decisións

25 feb 2014 . Actualizado a las 06:55 h.

Manuel Ojea Rúa (Ourense, 1958), profesor no instituto Blanco Amor e na Facultade de Ciencias da Educación, presenta estes días o seu novo traballo, «Construye».

-É un programa de orientación vocacional destinado ós alumnos de educación secundaria, bacharelato e formación profesional. Pretende axudarlles a construír os coñecementos necesarios para tomar autonomamente unha decisión chegado un determinado momento. Se están na ESO, o bacharelato ou a formación profesional que consideren e, se están en bacharelato ou FP, a opción pola carreira acorde.

-¿Cubre un oco este traballo?

-En Galicia non hai ningún programa deste tipo, pero si no conxunto de España. O que pasa é que moitos deles, e tamén a orientación que se realiza nos institutos, é unha acción puntual -informar sobre como é o selectivo, como son as carreiras, en que consiste a FP...- pero non hai unha liña continua de actuación.

-¿Que aporta este programa?

-O problema estaba en acadar a metodoloxía; «Construye» permite que, a partir da facilitación de materiais, os alumnos, individualmente ou en grupo, vaian construíndo de forma propia, activa e autónoma as aprendizaxes que requiren para tomar unha decisión chegado o momento.

-¿Deciden demasiado pronto os estudantes?

-Si, coa Lomce en 2º ESO xa hai que decidir entre matemáticas aplicadas ou académicas. Xa considerabamos que elexir un itinerario en 4º era demasiado pronto e agora, coa Lomce, aínda antes.

-¿Que guía as decisións dos alumnos?

-Moitos alumnos van tomando decisións a golpes, guiados por criterios que nada teñen que ver coas súas competencias, senón polas opinións dos amigos ou dos pais.

-¿Iso conduce ó fracaso?

-Non tanto fracaso como que veñen ós 2 ou 3 meses querendo cambiar de itinerario e hai unha porcentaxe alta que escolle o bacharelato inadecuado para a carreira que queren finalmente facer. E, incluso nas carreiras, moitos pensan en facer cambios. Todo isto vén determinado pola falta de coñecemento persoal en relación coas competencias e preferencias.

manuel ojea catedrático de orientación educativa