Imagen:

«A problemática ambiental en Ourense é multiple e complexa»

A bióloga Alejandra Couto Vázquez é dende maio responsable da sociedade galega de historia natural na provincia


ourense / la voz

O GOG-SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), creado en 1973, é unha das organizacións de defensa ambiental máis antigas de España e en Ourense, a delegación creouse en 1980. Alejandra Couto Vázquez (1979, Santiago) é doutora en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e secretaria da delegación en Ourense da SGHN dende maio de 2012, aínda que colabora coma voluntaria dende o 2007.

-¿Cales son os principais obxectivos do SGHN?

-O estudo, divulgación, conservación e defensa do medio natural. Nos últimos anos incrementouse ademais notablemente o traballo de participación nos procesos de avaliación de impacto ambiental de proxectos moi variados.

-¿Como califica a situación ambiental en Ourense?

-Ourense posúe, aínda, un altísimo potencial de desenvolvemento baseado na conservación e valoración da súa biodiversidade e paisaxe. Lamentablemente, e en xeral, a conservación destes espazos queda no papel e o seu estado empeora día a día. Hai moito por facer, incluíndo que todos recoñezamos e saibamos valorar o noso patrimonio natural, estea ou non legalmente protexido.

-¿Cales son os principais problemas na provincia?

-En Ourense a problemática ambiental é múltiple e complexa; nunca son casos exclusivamente ambientais senón que se relacionan íntimamente con calquera outro problema da vida, tecendo unha rede que, se non somos quen de rachar, hanos levar á deriva. Destacariamos a problemática dos incendiarios forestais. Non podemos esquecer tampouco a presión sobre os espacios naturais das infraestruturas, a minería, as industrias enerxéticas, os residuos, os cazadores, o tránsito de vehículos sen control, etcétera. Hai que destacar o progresivo e galopante empeoramento das augas, o declive de especies autóctonas acompañado do incremento das especies invasoras, ou mesmo a pasividade das administracións ante feitos realmente graves e con serias repercusións sobre o noso entorno.

-¿Existe conciencia ambiental?

-En canto á cidadanía pensamos que si hai coñecemento de que a natureza está a ser agredida. É máis, calquera a quen lle preguntes pode falar de ríos ou encoros nos que antes se bañaba ou pescaba e hoxe están sen auga ou contaminados, de fontes nas que xa non pode bebe, etcétera. No caso dos políticos ourensáns cremos que as súas actitudes e comportamentos deberan ser exemplarizantes para a cidadanía, deberan ir un paso por diante do resto da sociedade pero, desgraciadamente, moitas veces van un, ou varios, pasos por detrás.

Votación
2 votos
Etiquetas
Caza Santiago ciudad USC Comarca de Santiago Sociedade Galega de Historia Natural