Voto útil, deputado inútil

Carlos Callón TRIBUNA

OPINIÓN

23 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O debate sobre o voto útil aliméntase de que o sistema electoral español actual non é representativo nin no territorial nin no porcentual. O problema non é só o sistema D’Hondt de distribución de escanos, como moitas veces se repite. Pensemos que, por exemplo, o BNG tería asento en Madrid nas eleccións pasadas con ese mesmo cómputo se a circunscrición fose galega -que sería o lóxico- ou mesmo se a circunscrición fose estatal. É rechamante que, con menos de 22.000 votos, haxa forzas que teñan un deputado (Huesca, pasado 20 de decembro) e forzas que superan os 70.000 ficasen fóra. Será legal, mais non é democrático. Así e todo, é unha barreira que se ten superado no pasado e que tamén se superará o vindeiro 26X.

O debate arteiro sobre «o voto útil» sempre foi alimentado e utilizado polos partidos hexemónicos para se perpetuaren no poder. Aquelas opcións que nalgún momento foron críticas, como o PSOE, deixaron de selo en canto a roda do sistema se moveu ao seu servizo. Seguíndoo, hoxe outras opcións repiten o mesmo recurso á utilidade, para ocuparen o espazo das forzas das nacións do Estado con vontade de existir politicamente. Galiza sempre tería que esperar, segundo os seus criterios. Mais, como dixo a poeta, é unha «esperanza louca». Non nos conformemos coas migallas, rebelémonos polo pan.

A pesar desa xincana de dificultades, as deputadas do BNG teñen demostrado en repetidas ocasións, e en escenarios de moita maior estabilidade do sistema, a súa capacidade de participación, de influencia e de intervención de cara a conseguir adiantos sociais. Para comezar, as deputadas nacionalistas sempre impediron Gobernos do PP e só falaron coas outras forzas estatais sobre os intereses de Galiza, sobre a mellora do mundo desde unha óptica galega, sobre un proceso de democratización profunda das institucións.

Se o BNG ten conseguido investimentos ou tomas de posición do Goberno estatal xustos para Galiza foi porque o principal obxectivo desta formación é a defensa dos intereses das galegas e dos galegos, das persoas normais que poñen en marcha este país. Son intereses aos que nunca renunciará por defender obxectivos supostamente «maiores», que son «maiores» só porque son os doutros territorios con maior peso político.

O BNG foi garantía, ademais, de que os deputados e deputadas doutros partidos tivesen que facer ao longo de 20 anos algún tipo de demanda para Galiza, aínda que fose só para non quedaren en vergoña. O Diario de Sesións do Congreso é moi elocuente. Galiza parecía só un territorio bretemoso nos debates da Carrera de San Jerónimo antes de 1996, cando chegou a representación do BNG. A súa existencia languideceu de novo nestes meses de lexislatura falida, cunha preguiza xeneralizada das súas señorías. Cada voto ao BNG é, tamén, unha advertencia.

Voto útil é aquel co que apoias un proxecto. Voto útil é aquel que serve para transformar as cousas. Voto útil é aquel que serve para botar fóra a Rajoy e, ademais, pon Galiza no mapa. Voto útil é aquel co que non te arrepintes ao día seguinte.