A bondade

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

OPINIÓN

13 nov 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Non se fala dela a miúdo. Calada, enmudecida, silenciada. Parece unha dama invisible que cede todo protagonismo aos perversos e corruptos: de tanto pronunciar esta palabra, alerta, corremos serio risco de que sapos e vermes transiten os nosos intestinos e moléculas. A mediocridade e a crónica da putrefacción son a portada de cada día. Pregúntome a miúdo como puidemos caer tanto: este pozo de miseria moral. Unha caterva de insidiosos, ladróns, necios sen escrúpulos, especuladores desvergonzados son os amos da contemporaneidade: unha moda dos horrores. Pero eu invito a contemplar a bondade. Practicala. Falar dela nas barras dos bares. Miramos tanto o negror desta España pútrida que non vemos a brancura de tantos, tantas. Azul claro, anil, caricias. Hai xente que pronuncia bos días e traduce todos os dicionarios do verbo amar. Os que se ocupan do resto. Os tenros sensibles cariñosos amables. Hai xente que vive para que outros vivan. Hai esperanza, digo que manda ela máis que todos os abismos. Quen se mira ao espello cada mañá e promete ser mellor que o día anterior. Creo neste tipo de individuos anónimos máis que nos titulares da corrupción. Creo nos amigos que se preocupan e ocupan dos amigos. Creo en ti, quero dicir que creo en todos os que practican a benevolencia, cordialidade, dozura. Repúgnanme os autoritarios tanto como os intolerantes. Creo nos apracibles e afables máis que nos bélicos. Creo nos que conxugan o verbo amar declinado en presente e futuro: porque hai pasados cosidos en cicatrices. Nas cercanías máis que nas distancias. Na pel, no abrazo. Digo, como epítome, que solicito e reivindico que apareza ela hora por hora. Calada, enmudecida, silenciada: a bondade.