O patrimonio da lingua

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

21 sep 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Cúmprense dez anos da aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia, un día coma hoxe, do Plan Xeral de Normalización Lingüística (2004). Algúns amigos e amigas, comprometidos coa causa do idioma galego, queremos lembrar esta data de xeito especial: vén de correr unha década dende a aprobación dun texto que, daquela, intentaba a actualización, un paso adiante, cualitativo e cuantitativo, do Plan de Normalización que, tamén por unanimidade, se aprobara en 1983. A idea da unanimidade (o consenso) é fundamental nunha cuestión desta transcendencia.

Durante meses, algúns participamos activamente en longas sesións de traballo nas que se reflexionaba sobre a realidade social da lingua vinte anos despois daquel primeiro proxecto (do que xurdiu, entre outras iniciativas, a Compañía de Radio Televisión de Galicia, por exemplo, en 1984). Considerabamos que, logo de dúas décadas de actuación centrada principalmente no ensino, cumpría unha reflexión crítica, autocrítica e, ao mesmo tempo, positiva da política arredor do idioma, primeiro patrimonio básico da nosa identidade, mais cos problemas, atrancos e complexos que a mesma sociedade arrastra historicamente. En certa maneira, a realidade do idioma galego vén ser coma un espello no que se reflicte a realidade do conxunto da sociedade: as súas eivas, as súas expectativas, as súas frustracións, os seus momentos de devalo e os seus tempos de afouteza.

Dende a aprobación do Plan Xeral do 2004 pasaron algunhas cousas. Pasaron Gobernos, que ao cabo son os responsables da execución (ou non execución) dos plans: primeiro o chamado bipartito (PSdeG-BNG) e despois o do PP, que vai pola segunda manda. Pasaron sobre todo dez anos, trinta dende o primeiro Plan de Normalización de 1983, ¡case tres xeracións! Abofé que os tempos mudaron moi profundamente: instalados arestora nunha crise económica seguramente inimaxinable hai tres décadas, pero tamén nunha profunda crise ideolóxica, política, institucional, de valores, nun proceso que en gran medida, de catro ou cinco anos para acó, vén baleirando o país de forzas propias e, se queremos dicilo de xeito dramático (outros dirán que realista), mesmo cuestionando a nosa viabilidade para existir: perda de capacidade política, perda de recursos económicos, estragamento ou deslocalización de empresas, desfeita de institucións financeiras, mingua constante da demografía... Tamén perda de ilusión, ¿por que non dicilo?, carentes dun proxecto común no que recoñecernos. A lingua non é máis ca un espello da situación, hoxe igual que noutras épocas da historia.

¿Canto tempo, canta enerxía, cantas oportunidades perdidas (ou adiadas) de dez, trinta anos para acó? Estamos estancados. Outros dirán o que queiran, pero estamos estancados, o que vén ser o mesmo que dicir en retroceso: nestas cuestións, o que non avanza esmorece, e o tempo xoga aceleradamente en contra de nós. Habería que botarlle moito talento, moita xenerosidade, moita intelixencia política para reconstruír as pontes que tan alegremente dinamitamos.