Méritos na aula e no despacho

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

01 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Cada un fala da feira segundo lle vai nela. Nunca mellor dito en relación co último ránking académico, elaborado pola universidade Jiao Tong de Shanghái. Uns medios de comunicación queixábanse de que ningunha universidade de España conseguía estar entre as 100 mellores e outros mostraban satisfacción porque a de Santiago retornaba ás 500 primeiras, aínda que por riba da 401. Ocorre o mesmo coas causas dos malos resultados: para os reitores, representados na Crue, atópanse na falta de financiamento, mentres que para o CSIC ou para diversos especialistas alleos ao ámbito universitario, o problema está na excesiva endogamia.

A citada clasificación baséase nunha metodoloxía bibliométrica, que inclúe criterios obxectivos relacionados principalmente coa investigación e a vinculación coa empresa. As universidades que ocupan os mellores lugares, pertencentes a EE.?UU. e Europa, teñen uns orzamentos moi superiores ás españolas. É evidente que a calidade nos citados aspectos ten unha alta correlación co financiamento, pero o principal problema das nosas universidades non é o económico. Se estas tivesen hoxe un grande aumento dos seus presupostos, non conseguirían ascender, na mesma proporción, nos ránkings académicos.

Dúas son as principais causas desta situación. A primeira é que as universidades non veñen levando a cabo unha boa xestión dos seus recursos. Algunhas gozaron de mellores épocas desde un punto de vista económico, tendo sido iguais os seus resultados. En segundo lugar, e aínda que hai avances positivos, continuamos cun serio problema no ámbito da docencia, ao que ningún goberno democrático foi capaz de meterlle man a fondo. As universidades seguen sen dotarse dos profesores mellor cualificados, pois o tímido intento da LOU de potenciar a posibilidade de contratación de docentes estranxeiros ou de prestixio recoñecido, a través da figura do contratado doutor, está sendo deformado, dun xeito só comparable ao que ocorreu coa LRU e os asociados a tempo completo. Os departamentos non poden decidir os perfís concretos de investigadores ou docentes que necesitan.

A principal causa deste vello obstáculo é o exceso de meritocracia e de corporativismo do sistema, que da lugar a unha obsesiva preocupación polo curriculum vitae, con fins económicos ou de promoción profesional. Os méritos necesarios para conseguilo non se acadan precisamente na aula, senón no despacho, lugar onde moitos profesores atópanse máis a gusto. Como calquera autoridade brilla pola súa ausencia, os incompetentes e irresponsables gozan de total impunidade. Se sumamos a estes dous puntos moi febles do noso sistema universitario o fracaso que está resultando ser o desenvolvemento do Plan Bolonia, é unha sorte que non esteamos aínda máis baixos nas clasificacións internacionais.