O financiamento autonómico e os seus labirintos

Pedro Puy
Pedro Puy FIRMA INVITADA

OPINIÓN

04 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Tomo prestada a denominación que ao sistema de financiamento autonómico lle deu Carlos Monasterio, un dos mellores guías para non perderse en exceso nese labirinto, porque efectivamente o sistema tense convertido nun babilónico complexo de atribución de recursos a diferentes niveis de goberno no que resulta fácil perderse.

No sistema de financiamento autonómico, as 15 comunidades autónomas de réxime común reciben os seus recursos desde a Administración Xeral do Estado, quen os reparte de acordo coa participación daquelas nos tributos compartidos, así como polo reparto doutros fondos dirixidos a garantir unha prestación mínima homoxénea dos servizos públicos esenciais en todo o territorio español. Dado que os recursos que finalmente lle corresponden a cada unha non se coñecen ata dous anos despois de cada exercicio orzamentario (porque dependen da recadación dos impostos), o que o Estado fai é unha entrega a conta a cada comunidade baseada nas previsións de ingresos nos Orzamentos do Estado. E se pasado o tempo se comproba que a comunidade autónoma recibiu máis do que lle correspondería, entón se lle fai unha liquidación negativa, isto é, ten que devolver a Administración Xeral o que recibiu de máis.

No período 2005-2009, quen entón gobernaba Galicia beneficiouse deste xogo de entregas a conta, anticipos e liquidacións positivas, percibindo por riba do previsto inicialmente nada menos que uns 2.800 millóns de euros. Un incremento orzamentario acumulado que o bipartito, segundo a conselleira de Facenda informou ao Parlamento, asignou nun 80 % a gasto corrente (de funcionamento, o que se queda «pegado» cara ao futuro); e nun 20 % restante a investimentos; non dedicando nada á redución da débeda autonómica (o que nos tería permitido mellorar hoxe en día os niveis de investimento, ao reducirse o pago de intereses da débeda acumulada antes da crise).

A partires do 2010, e no 2011, o sistema deu o resultado contrario. O novo Goberno da Xunta tivo, ten e terá que facer fronte ao pago dunhas liquidacións negativas dos anos 2008 e 2009 que o bipartito orzamentou de máis por importe de 2.174 millóns de euros; e agora, próxima a liquidación definitiva do 2010, sabemos que vai volver a ser positiva. Demóstrase que cando a Xunta reclamaba os anticipos previstos no novo sistema de financiamento lle asistía a razón, pero tamén que nese exercicio se lle traspasaron a Galicia menos recursos dos que lle correspondían. O resumo é que a actual Xunta estivo a recibir moitos menos recursos que a anterior, mesmo por debaixo do que lle correspondería de terse aplicado ben o sistema; ao tempo que tivo, ten e terá que afrontar a devolución do recibido en exceso e orzamentado pola Xunta bipartita, que ademais, en vez de reducir a posición debedora da comunidade autónoma para alixeirar o pago de intereses, aplicou os recursos adicionais a consolidar gasto corrente (fundamentalmente de persoal), dificultando a sostibilidade orzamentaria do futuro.

Neste contexto, no que ás malas previsións orzamentarias do Goberno socialista no Estado nos anos 2008-2009 se xuntou a mesquindade no pago ao longo dos anos 2010 e 2011, é fácil concluír que o cumprimento dos obxectivos de déficit pola nosa comunidade autónoma, e elo sen afectar ao núcleo duro da prestación dos servizos públicos sanitarios e educativos, merece un especial recoñecemento, máxime cando se comparan os esforzos de contención do gasto que aquí se están a realizar cos que se están realizando ou se van ter que realizar noutras comunidades. E, o que é máis importante, sitúannos nunha mellor situación tanto para garantir a prestación dos servizos públicos, como para recuperar o investimento a pouco que a economía comece a mellorar.

Nunha curta historia arábiga sobre dous reis e dous labirintos, Borges (en El hogar) contrapón a moi superior eficacia enredante do deserto sobre a sofisticada manufactura dos labirintos babilónicos. Non deixa de ser irónico que os mesmos que sacaron proveito do babilónico labirinto do financiamento autonómico e deixaron a economía pública no medio do peor páramo deserto, traten de ser, a penas unha ducia de semanas despois, os que presuman de saber cómo abandonalo.