Miguelanxo Prado: «O premio nacional axuda a vencer os prexuízos arredor do cómic»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Prado obtén o galardón pola «mestría técnica» e o «carácter poético» de «Ardalén»

01 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Máis de tres anos de traballo e unha forte implicación persoal investiu Miguelanxo Prado en Ardalén, unha obra singular que marca un cumio na súa carreira, a xeito de summa do seu universo como creador. En abril foi elixida no Salón de Barcelona a mellor obra nacional do 2012, e onte sumou o Premio Nacional de Cómic, cuxo xurado destacou o seu «carácter poético» a «mestría técnica no uso do color». Prado, que onte se atopaba de viaxe e soubo da concesión mentres almorzaba no hotel, tomouse o galardón con evidente alegría pero tamén cunha saudable dose de sentido común. «Aínda que leves moitos anos de traballo, sempre existe un compoñente de dúbida e inseguridade, que o galardón contribúe a paliar, como un analxésico», sostén.

-¿É necesaria a visibilidade que dá un premio deste tipo?

-Teño claro que o Premio Nacional é especialmente importante porque supuxo abrir unha fiestra a moitos lectores que ata o de agora se mantiñan alleos ao cómic. As cifras que acadaron anteriores premiados como Arrugas ou El arte de volar evidencian que chegaron a moita xente de fóra do público tradicional do cómic, porque só con ese ámbito é moi difícil acadar esas cifras. O Premio Nacional axuda moito a vencer os prexuízos e tópicos arredor do cómic.

-No seu caso tamén contan os mercados foráneos...

-Hai elementos alleos ás nosas virtudes e os nosos defectos como creadores e iso represéntao o mercado internacional, no que recoñezo, como dixo un amigo guionista, que me tocou a lotería cósmica [ri]. Cando consegues que a túa obra interese a públicos tan distintos xérase unha relación de fidelidade moi especial que funciona case como unha garantía de que ese público lector segue estando aí.

-E proba que hai historias locais que tamén poden ser universais.

Creo que ese camiño só se pode facer de xeito intuitivo. Se pretendes facer un deseño a priori baseándote nunha idea é difícil levalo a bo fin. Pero, polo menos nas culturas hexemónicas, existe unha capacidade de dixestión que vai máis alá dese interese humano do local ou do universal. Hai un elemento común que temos, que fai que a nivel sentimental todo nos resulte compartible, aínda que aderezado con diferenzas culturais. Como creador resulta aguilloante.

-Xa dixo que «Ardalén» supuña un punto de inflexión na súa traxectoria. Co favor dos lectores e agora os grandes premios, ¿non lle dá certo medo escénico a seguinte obra?

-Como xa estou noutro traballo non teño moita marxe de manobra. É certo que esa inseguridade repítese obra a obra e non hai máis. De repente consegues un analxésico para esa dor de cabeza concreta, pero para a seguinte tes que volver tratala. Eu teño certa vantaxe porque adoito a cambiar de rexistro tematicamente, aínda que iso non elimina a pregunta de se o que estás a facer interesará aos que leron os anteriores. Doutra banda, se tivese esa seguridade absoluta seguro que diminuiría o nivel de ansiedade, pero tamén resultaría moi aburrido.

-¿E pode adiantar algo dese traballo ou é dos que pensa que dá mala sorte?

-Non, mala sorte, non, aínda que si prefiro non detallar as historias con demasiada anticipación. Hai tempo qe quería facer algo policíaco, unha serie negra, que é algo que nunca fixen, e despois de Ardalén e De Profundis, que requiriron unha gran implicación persoal e sentimental, pensei que era o momento. E xuntáronseme as pezas cando vin o que estaba a pasar coas preferentes e os desafiuzamentos: aí tiven os dous elementos. Será unha narración negra en torno a estes conflitos.