O atlas do galego no mundo

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Nunha vintenta de países é posible estudar o idioma como materia

18 may 2013 . Actualizado a las 10:22 h.

Pobo emigrante por excelencia, non hai recuncho do mundo ao que non chegase un galego, levando consigo a súa lingua e organizándose en entidades nos que mantiñan viva e transmitían a súa cultura. Malia o retorno de moitas daquelas persoas, en numerosos lugares os centros seguen a espallar o idioma a través de cursos e actividades. A este tecido sumouse a incorporación do galego aos distintos niveis do ensino regulamentado, dende as idades de infantil ata a etapa universitaria.

Hoxe é posible aprender e ampliar estudos da lingua de Galicia nunha vintena de países, nos que se inscriben tanto descendentes daqueles emigrantes, por cuestións de identidade ou cun posible retorno en mente, como alumnos estranxeiros que teñen interese polo galego ou queren dedicarlle a súa carreira académica; un exemplo disto último son as teses de doutoramento sobre temáticas relacionadas coas humanidades en Galicia, que só no ámbito anglófono superan as cincuenta dende 1995. Máis de 2.000 estudantes cursan galego nestas aulas. Tamén hai outras universidades nas que non existe un centro ou lectorado galego, pero que contan con profesorado especializado en Galicia que difunde a súa cultura; son casos como os de Warwick, Liverpool ou Wisconsin-Milwaukee.

De Bos Aires ao Bierzo

Ademais, varios colexios de cidades cunha grande presenza migratoria galega, como Caracas, Bos Aires ou Londres, inclúen o ensino do galego na súa oferta educativa, así como en centros de primaria de Zamora e León e de secundaria nesta última provincia, concentrados no Bierzo. En Barcelona, son catro os institutos nos que é posible cursar galego como materia optativa, e nesta cidade, igual que en Madrid e Ponferrada, a lingua de Galicia está incluída nos programas das súas Escolas Oficiais de Idiomas. Por último, non menos importante é o traballo de clubs de lectura, bibliotecas e asociacións.