A Academia colgará na Rede o novo dicionario, con 50.000 entradas

O volume remata oito anos de traballo e actualiza a edición de 1997

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

«O novo dicionario estará na Rede dentro duns días». Isto anunciou onte Xosé Luís Méndez Ferrín. O presidente da Real Academia Galega falaba do novo dicionario da RAG diante do conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, que fixo a súa primeira visita oficial á Academia. «Son máis de 50.000 entradas, o dobre que no anterior», detallou Manuel González, académico que encabeza o Seminario de Lexicografía da RAG que foi o encargado de elaborar este traballo.

González indicou que «o texto definitivo está entregado para colgar na Rede», aínda que se está traballando na parte máis técnica para facilitar o acceso. Foron nove especialistas os que desde hai oito anos estiveron traballando neste novo dicionario. É un volume normativo, en canto ortografía ou pronuncia e tamén no semántico e en canto a significado.

A obra incorpora a información sobre a procedencia das palabras e datos sobre a que rexistro oral pertencen, desde o culto ao familiar. Para os autores, hai solucións e definicións que poden ser consideradas como definitivas.

O anterior dicionario da RAG fora publicado en 1997 e foi editado conxuntamente por Xerais e Galaxia. O novo volume publicarase en papel «máis adiante, dentro de oito meses o así», apuntou Manuel González.

«Estamos facendo unha Gramática, ¡despois de cen anos!; estase traballando tamén nun dicionario de apelidos galegos, evacuando consultas e nomes de persoas e apelidos para que sexan usados correctamente. A nosa vocación é de traballo, temos que velar pola lingua e pedimos respaldo económico e respaldo moral, que o temos», engadiu Xosé Luís Méndez Ferrín antes do encontro co novo conselleiro de Cultura.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Xesús Vázquez e Anxo Lorenzo, diante do mapa de Fontán da RAG. gustavo rivas