Os segredos da olería de Lugo: unha exposición con pezas inéditas desentraña a historia desta tradición

Laura López LUGO / LA VOZ

SAMOS

A ámboa de Samos, de 1706, é a peza máis antiga, que nunca antes fora exposta
A ámboa de Samos, de 1706, é a peza máis antiga, que nunca antes fora exposta HIXINIO FLORES

Unha mostra reunirá desde o día 29 no Vello Cárcere 250 cerámicas singulares dos catro centros oleiros da provincia

25 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Poñer en valor e divulgar, de maneira lúdica e tamén desde un enfoque científico, a riqueza da olería na provincia de Lugo é un dos obxectivos da exposición Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós. A mostra abrirá as súas portas o xoves 29 no Vello Cárcere de Lugo e poderase visitar ata o 17 de maio. A inauguración terá lugar ás 18.30 e contará coa actuación musical do grupo As Cegas de Ouselle.

Trátase dunha mostra que reúne 250 pezas tradicionais, moitas delas, inéditas, producidas nos catro centros oleiros que operaron na provincia de Lugo: Gundivós, Bonxe, Samos e Mondoñedo. Trátase de creacións singulares e de uso cotiá, entre as que se atopan ámboas, barreñóns, cuncas, pucheiras, olas, xerras, meleiras, barrís, aceiteiras... A máis antiga é unha ámboa de Samos de 1706, que nunca antes estivera exposta.

No proxecto, impulsado por un grupo de estudosos e afeccionados á olería, traballan tamén a Asociación Ceramolóxica Canaveira, a Unidade de Arqueometría da Universidade de Santiago e a Fecyt. «Todas as pezas da mostra proceden de coleccións particulares», explica Hixinio Flores, un dos impulsores da exposición, e comisario, xunto a Pilar Prieto Martínez, da USC. Tamén destaca que cada peza contará cun debuxo artístico e arqueolóxico: «Fixéronse as escalas, analíticas dos barros... Vai ser unha exposición de referencia», continúa Flores.

Pota de tres pés de Gundivós
Pota de tres pés de Gundivós Luis Higinio Flores Rivas

Enfoque científico

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, indicou que esta mostra «permite ofrecer, con enfoque máis ben científico, unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza, todo froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC». Na exposición, que reflectirá as semellanzas e diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, «valorarase a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas», explicou Ferreiro. Ademais, a mostra contará con paneis informativos, con detalles sobre tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico. A maiores, disporase dunha reportaxe fotográfica onde se recollerán todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

Por outra banda, a exposición contará cunha sala accesible para invidentes, que se preparou co apoio da ONCE, a onde se remitiron os textos resumidos dunha ducia de pezas para que os transcribiran a braille. Outra das salas estará dedicada a García Alén, e contará con documentación inédita.

Conferencias ou coccións en Bonxe, Samos e Gundivós serán algunhas das actividades complementarias que se desenvolverán de xeito paralelo á mostra.