Homenaxe a unha vida de amor á música e á cultura galega

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

PARADELA

O Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro nunha xornada celebrada en Portomarín e en Paradela

24 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Xesús Mato (Paradela, 1932) coa música é tan coñecida como importante. Foi director do Orfeón Lucense, pero tamén, antes, figura decisiva na creación de Fuxan os Ventos, grupo imprescindible na música galega das pasadas décadas; e foi tamén, nos anos setenta, coordinador do volume Galicia canta ao neno, proxecto que recompilou panxoliñas tradicionais, publicadas con letra, partitura e comentarios na Editorial Alvarellos.

Esa longa traxectoria, coñecidas por moitos, é hoxe un pouco máis recoñecida, pois Mato recibiu o domingo unha homenaxe que se desenvolveu entre Portomarín e Paradela, dous concellos moi presentes na súa vida. En Portomarín, onde vive arestora, celebrou, en primeiro lugar, unha misa na que o acompañou o párroco da vila, Antonio López. Logo, en Paradela, tivo lugar un xantar ao que acudiron parentes e amigos, entre os que estaban os respectivos alcaldes deste concello, José Manuel Mato, e do de Portomarín, Juan Serrano, así como o prefecto de música da catedral de Lugo, Luis Castiñeira.

Nuns actos con este homenaxeado, xaora, non podía faltar a música. Na misa cantou o Orfeón Lucense, que despois do acto relixioso interpretou varias cancións de Nadal; e logo Carlos Rodríguez, neto do escritor Manuel Rodríguez e residente en Inglaterra, interpretou ao violín unha peza súa, creada sobre unha canción de Fuxan os Ventos.

Despois, no xantar celebrado en Paradela, o director do Orfeón Lucense, Marcos Fernández, impuxo a Mato a insignia de ouro da agrupación, e os alcaldes de Portomarín e de Paradela entregáronlle cadanseu agasallo e dedicáronlle palabras de agarimo e de gratitude.-

Mato non só foi importante na creación de Fuxan os Ventos senón tamén na creación dun grupo como A Quenlla, xurdido anos despois daquel. Pero o seu traballo musical inclúe tamén outros episodios, quizais menos coñecidos pero igualmente importantes, como a creación da coral polifónica de Lalín, destino sacerdotal nos seus anos mozos.

O seu labor sacerdotal desenvolveuse en varias comarcas, aínda que o máis coñecido quizais sexa o que transcorreu na zona do Cebreiro, onde recolleu composicións musicais populares que axudou a espallar.