Ángel Lameiro, de Panadería Ousá: «Estiven mes e medio traballando gratis para coñecer o oficio de panadeiro, hoxe somos 140 na empresa»

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

OUTEIRO DE REI

Ángel Lameiro Varela deulle á súa empresa o nome da aldea na que naceu
Ángel Lameiro Varela deulle á súa empresa o nome da aldea na que naceu ALBERTO LÓPEZ

A panadería e confitería ten hoxe dez establecementos propios e tamén catro franquicias

14 ene 2024 . Actualizado a las 12:57 h.

Ángel Lameiro Varela (1962) naceu en Ousá, Friol. Unha terra na que a elaboración de pan era tradición, pero que tardou anos en ver como podía transformar o bo facer do produto artesanal nun negocio puxante. Cambiou a súa vida de comercial pola de panadeiro e hoxe dirixe unha empresa que se aproxima aos 150 empregados e que ten dez locais propios entre as provincias de Lugo e Ourense.

—Cando comezou a fornear Pan de Ousá?

—Pois a empresa fundeina eu coa axuda dun irmán no ano 1989. Logo, meu irmán colleu outro camiño e quedei eu só coa empresa no ano 92. Realmente, nós non tiñamos experiencia previa no sector da panadería. Daquelas, o pan de Ousá estaba totalmente parado, non había actividade na aldea de Ousá, que tiña moita tradición de panadeiros. Só había algúns veciños que facían pan na casa e o vendían para as feiras de Rábade e Friol, e para clientes que lles ían á casa, así que me pareceu unha boa opción abrir unha panadería. Tiñamos un pequeno local en San Martín de Guillar e establecémonos alí.

—Pero vostede tiña algunha idea de facer pan?

—Non, eu era comercial. Coñecín un panadeiro en Taboada e alí me fun aprender. Estiven mes e medio traballando gratis e coñecendo o oficio. Alí fixen toda a formación para aprender os segredos do pan.

—E como se pasa de non saber de panadería a ter unha empresa consolidada e recoñecida?

—Foi algo moi constante, son moitos anos de traballo. Sempre fomos moi sobrados de tarefa e todo o fixemos con moito esforzo e constancia. Comezamos repartindo sobre todo ao sector da alimentación porque era o ámbito no que eu estivera de comercial, e repartindo tamén a aldeas próximas. Agora seguimos mantendo todos aqueles repartos e máis. Temos clientes dende hai 35 anos. Agora facemos concellos próximos e tamén imos a Coruña, temos unha tenda en Ourense e algún punto de reparto en Madrid.

—Como se mantén o equilibrio entre seguir facendo pan tradicional e unha produción máis ampla?

—Fomos axudándonos tanto de técnicas como de maquinaria, pero seguimos mantendo a esencia do artesán. Elaboramos con moito persoal, producindo de forma artesanal, con fermentacións longas, masas nai... Pero a axuda da maquinaria é inevitable.

—Vostedes non só teñen panaderías, senón que nos negocios tamén inclúen servizo de cafetería e docería. Cantos locais teñen?

—Temos dez locais que rexentamos nós e tamén catro franquicias. Estamos en Lugo capital, en San Martín de Guillar, que é onde temos a nosa base, en Castro Ribeiras de Lea, en Sarria e en Ourense.

—Para facer pan e atender todos estes negocios fai falla moito persoal.

—Estamos sobre uns 140-150 empregados, dos cales 10 son panadeiros

—Incorporar os doces ás súas elaboracións foi algo que fixeron ao pouco de comezar?

—Empezamos facendo só pan e fomos incorporando barras e doces, aínda que igual co doce tardamos seis ou sete anos. Logo xa nos sumamos máis á hostalaría e así, paulatinamente. todo. Cando abrimos as cafeterías a xestión cambiou bastante pero é un sector que se complementa moi ben, porque a pastelería, a bollería e os almorzos encaixan á perfección.

—Dá a sensación de que a súa bagaxe como comercial se mantén na súa profesión como panadeiro.

—O que está nunha empresa ten que visionar as necesidades e tentar superarse en todo momento.

—Neste tempo cambiou moito a demanda do público?

—Si, pero menos do que puidera pensarse. Séguense vendendo as mesmas cousas e o público ten as mesmas necesidades. O que máis vendemos é o pan de Ousá, que ademais é moi recoñecido pola clientela.

—E cal é o segredo do afamado pan de Ousá?

—O secreto é boa materia prima, masa nai e tempos longos de fermentación. Co pan artesán hai que ter paciencia, respectar os tempos é fundamental para ter un produto artesá.

—Dende hai tempo, no sector da panadería, como noutros moitos, hai queixas pola falta de persoal. A vostedes aféctalles?

—Hai un problema xeralizado no sector, e é moi importante. No noso caso, como temos unha plantilla ampla, non o sufrimos tanto como se fora un equipo máis limitado. No noso caso, sempre hai unha persoa que está empezando, aprendendo, e se falta algún veterano, esa persoa está agardando para dar o paso.

—Cantos panadeiros teñen en plantilla? Vostede segue amasando e forneando?

—Somos uns 10 panadeiros en plantilla e algún leva xa moitísimos anos. E si, eu sigo traballando de noite co pan.

—Vista a demanda que en grandes cidades como Madrid hai de pan artesá, tiveron algunha vez a tentación de expandirse?

—Estudiamos ese tema e tiñámolo moi traballado, pero encarecéronse tanto os combustibles que o deixamos un pouco de lado e centrámonos no que temos en Galicia.

—Cal é a saúde do sector da panadería?

—Coa guerra de Ucraína encarecéronse moitísimo as materias primas e a enerxía, pero iso relaxouse un pouco e está máis tranquila a situación. Eu penso que a panadería tradicional sempre vai ter un oco, aínda que todo o tema industrial nos está facendo moito dano. O tradicional está nun bo momento para os que quedamos porque no seu día pecharon bastantes negocios, o que fai que os que nos mantemos teñamos máis anaco do pastel. Hai menos competencia e mantense a demanda.

—Vostede é máis panadeiro ou máis empresario?

—Panadeiro, dende logo. Eu sigo facendo pan polas noites. Porque me gusta, e quizais tamén porque me Custa un pouco delegar. Algo de todo.

—A canto ascende a facturación da empresa?

—Entre as catro empresas que integramos o grupo estamos entre os 7 e os 8 millóns de facturación anual. O grupo está formado por Pan y Panadería de Ousá. Requirot SL, Nordul Lugo, SL, Blanco y Díaz Inversiones e Héctor y Ángel SL.

—Algunha gran empresa chamou á súa porta para entrar no accionariado?

—Non, ata o de agora non, somos empresa familiar.