Axenda 2030, unha guía de conduta

Francisco Maseda

LUGO CIUDAD

Parque eólico en O Vicedo (imagen de archivo)
Parque eólico en O Vicedo (imagen de archivo) PEPA LOSADA

O catedrático lucense e exvicerreitor do Campus de Lugo analiza os cambios necesarios para mellorar o clima

16 mar 2024 . Actualizado a las 18:13 h.

Os expertos ambientais marcaron o ano 2050 como data límite para as emisións de gases de efecto invernadoiro, GEI. Entón, conclúen, se a humanidade conquire cero emisións, cumpriríanse os acordos da COP21 de París e non quentaremos o planeta en demasía.

Utilizo a primeira persoa do plural do verbo quentar, xa que teñen por seguro que somos nós, a humanidade, quen está a provocar ese incremento térmico, ó pechar a atmosfera cara a saída do calor da mesma. En consecuencia, ocorre o incremento térmico que, non debe superar na data ante dita e baixo ningún concepto os 2 graos , por riba da cifra da época preindustrial.

Pero si ben esa data é definitoria do límite daquelas emisións, fixaron unha intermedia para coñecer como ían as cousas. Esa foi 2030 e, por desgraza inda que faltan 6 anos, as cousas non van ben.

Polo menos, iso é o que din todos os índices que avisan que o camiño seguido pola humanidade non é correcto. O erro que estamos a cometer é denunciado, con cifras polo panel intergubernamental do cambio climático (IPCC), e con desastres ambientais, cada vez mais e con mais intensidade e frecuencia moi alarmante, pola natureza.

Opino, e pido desculpas pola miña ousadía, que é decisivo facer caso e, opino tamén que, segundo eses avisos, non parece demasiado tarde. Aínda estamos a tempo de corrixir pero, se seguimos así, no 2050 será imposible virar. De aí a enorme importancia desa data ambiental.

Aínda estamos a tempo de corrixir os erros para evitar máis danos ao clima

Importante é, así mesmo, o ano 2030 como fase intermedia que sitúa o máximo incremento térmico climático de orixe antropoxénico, nese ano, en 1,5 grados centígrados.

A Asemblea Xeral dá ONU adoptou o, 25 de setembro do 2015, a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, ODS, un plan de acción a favor do planeta, das persoas, e da prosperidade que ten tamén a intención de fortalecer a xustiza e a paz universais. Os Estados membros das Nacións Unidas aprobaron, tamén, unha resolución que di que o máis grande desafío do mundo é a erradicación da pobreza e propoñen, así mesmo, naquela citada axenda, 17 obxectivos, que inclúen os eidos ambiental, económico e social.

A nova estratexia rexirá os programas de desenvolvemento mundiais perante os vindeiros 15 anos, comprometéndose, os Estados, a mobilizar os medios precisos para a súa implementación mediante alianzas centradas especialmente nas necesidades dos máis pobres e vulnerables.

Enerxía non contaminante

Un daqueles obxectivos, o número 7, que di «enerxía asequible e non contaminante», pretende garantir o aceso a unha enerxía limpa, básica para desenvolver a agricultura, as empresas, as comunicacións, a educación, a sanidade e o transporte. En definitiva, ser o sostén da civilización e, polo tanto, noso.

Sobre dese obxectivo, tan importante como amplo, tentarei facer algúns comentarios. Nestes intres unha morea de persoas, que se pode estimar en centos de millóns, non teñen aceso á enerxía eléctrica (EE) e moitas máis, incluíndonos nós dependemos, nunha porcentaxe moi elevada, dos combustibles fósiles e de tecnoloxías contaminantes para vivir.

Así pois, noso día a día depende dunha enerxía que é segura e asequible, pero cuxa xeración é a causa principal da mudanza do clima por mor dos GEI emitidos que a axencia internacional de enerxía, AIE, sitúa nun entorno do 70 % das emisións globais de GEI a causa dós combustibles fósiles utilizados, gas, petróleo e, xa en menor medida, carbón.

Todo o dito xustifica, amplamente, a necesidade de inversión en fontes renovables, FFRR, e polo tanto non contaminantes, de EE nomeadamente eólica, solar fotovoltaica e, cada vez máis, xeotérmica. Teñen tamén certo protagonismo, inda que inferior, o biogás e a enerxía dás olas ou undimotriz.

É necesario investir en fontes renovables como a eólica, solar e xeotérmica

Así, mediante esas fontes, polo que atinxe o noso país, a xeración de enerxía debe pasar, segundo datos do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC), do 44 % actual o 74 % en 2030. Iso leva consigo que a potencia instalada en España deberá estar por riba dos 121 GW, o que implica multiplicar por 2,5 a actual, en 6 anos.

Polo que atinxe aos países en desenvolvemento, ampliar as infraestruturas e actualizar a tecnoloxía dos servizos de subministro enerxético en todos eles, son obxectivos cruciais que contribúen tanto ao desenvolvemento sostible como á procura dun medioambiente favorable.

Por outra banda, a Comisión dá UE marcou os 5 aspectos a mellorar cara o 2030, e son o «emprego, investigación e a innovación, o cambio climático e a enerxía, a educación e a loita contra a pobreza».

A pregunta é que facer para chegar as datas ambientais sinaladas cos deberes cumpridos? As respostas son doadas de formular pero, supoño, menos de acadar. Vexamos moi sucintamente, xa que logo, a situación para cada colectivo.

Os países deberan acelerar a transición enerxética cara un sistema asequible, seguro e sostible investindo en FFRR, priorizarando a implementación en prácticas de eficiencia enerxética e adoptando tecnoloxías e infraestruturas de enerxía limpa.

As empresas

Ás empresas correspóndelle o compromiso de obter o 100 % dá electricidade con FFRR e priorizar o transporte que demande menos enerxía. Ao «inversores» poden levar seus investimentos cara servizos enerxéticos sostibles có fin de mover o mercado a provedores diversos, de maneira que permita escoller tecnoloxías ben actualizadas, asequibles e non contaminantes.

A nivel persoal, aforrar enerxía no fogar mediante o control dós electrodomésticos e dós programas públicos que axudan economicamente a renovalos cando perden eficacia. Do mesmo xeito moverse mediante transporte público, tanto urbano como interurbano, resulta proveitoso para nos e para o medioambiente. Tamén existe forma de aforrar mediante tarxetas e bonos. É unha mágoa non aproveitalos.

A axenda 2030 foi pensada é redactada para todos nós de xeito que cada un, gobernos, sociedade civil, empresas e persoas individuais, debemos cumprir a nosa parte pois se o conxunto é todo, sen cada un de nós é nada.

Francisco Maseda, catedrático da USC e exvicerreitor do Campus de Lugo, 1994-2002.