Un plan a catro bandas salva da ruína a fortaleza de Sarracín

Xunta de Castela e León, Concello de Vega, a firma Valcarce e o grupo Promonumenta limpan o castelo

.
la voz

O castelo de Sarracín, icona para moitos peregrinos do Camiño Francés e para os condutores da A-6 e da N-VI, está de noraboa grazas á colaboración a catro bandas que está a permitir a súa conservación e limpeza. Este castelo de Vega de Valcarce formou durante séculos, xunto co de Doiras e Doncos, as tres fortificacións que defendían a entrada de Galicia e que salvagardaban aos peregrinos a Santiago. Incluso, este castelo pertenceu ao mesmo dono do de Doncos, como destaca o historiador Xabier Moure: «Doncos pertenceu ata finais do século XIV a García Rodríguez de Valcarce (Adiantado Maior de Galicia) que ao mesmo tempo era señor de Sarracín, Montefurado (había un castelo por riba mesmo do túnel romano, e anteriormente un castro), Corullón e algunha posesión máis, que herdara por parte da nai, Constanza García».

Este mes, o director xeral de Patrimonio da Xunta de Castela e León, Enrique Sáiz, visitaba o monumento e destacaba que as obras de conservación dun castelo medieval nunca rematan. Tras unha inversión de 60.000 euros púidose evitar o derrube. Pero non só houbo intervención da Administración autonómica, senón que no proxecto de limpeza e rehabilitación participaron, de maneira desinteresada, dous arquitectos, o Concello de Vega de Valcarce (propietaria do castelo), a empresa local Grupo Valcarce e voluntarios da asociación Promonumenta. Precisamente estas persoas, durante varias fins de semana, encargáronse de rozar e limpar o acceso á fortificación, que apenas sufriu os ataques nas revoltas irmandiñas dada a súa situación na cima dunha montaña pero que foi reedificada polos Condes de Lemos a finais do século XV.

Ata tal punto foi a implicación social que ata unha construtora local estirou o orzamento para a acometer as obras e xerou emprego para a zona. O responsable de Patrimonio sinalou na visita que non se trata de investir grandes fondos, senón de ir pouco a pouco facendo cousas para evitar danos maiores. Agora, teñen pendente arranxar a fermosa iluminación que se podía admirar desde a A-6. Un incendio danou o sistema.

Votación
2 votos