Díaz Castro, un século de ouro en Guitiriz

Xosé María Palacios / Suso Pena GUITIRIZ

LUGO

FOTO SUSO

O poeta foi lembrado con actos variados no día no que se cumprían cen anos do seu nacemento

20 feb 2014 . Actualizado a las 01:16 h.

A lus do mundo é o título dun documental dirixido por Xosé Antón Cascudo: céntrase na vida e na obra de Xosé María Díaz Castro, e proxectouse esta noite en Guitiriz, como un dos actos de homehaxe ao poeta, nado hai cen anos. Un século despois, esa luz que sae dos versos de Nimbos, único libro de poemas publicado polo autor, non só non esmoreceu senón que conserva toda a súa potencia. Por outra banda, os actos celebrados na vila, que comezaron xa pola mañá, amosaron que o interese polo poeta protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas vai máis alá do protocolario.

Rapaces

Alumnos dos dous colexios do concello, o de Parga e o de Guitiriz, visitaron pola mañá a exposición «Nimbos de luz» na Escola Habanera. A mostra contén paneis que percorren a vida e a obra do poeta, dende a nenez na parroquia natal (Os Vilares) ata a estadía final en Guitiriz, onde viviu varios anos tras moitas décadas fóra de Galicia. Que as explicacións foron moitas e boas dáse por seguro: dicindo que as achegou Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e gran coñecedor da obra de Díaz Castro, xa se entende por que.

Flores

O poeta, falecido en 1990, está enterrado no cemiterio de Guitiriz. Alí tivo lugar unha ofrenda floral e léronse versos. O escritor Luís Tosar lembrou a súa relación co poeta, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, salientou que de Nimbos non se podería facer unha antoloxía, xa que todos os seus poemas, dixo, resultan imprescindibles.

O abrigo

Na Escola Habanera, tras a ofrenda floral, celebrouse o acto de inauguración oficial da devandita exposición. Entre os obxectos persoais que se amosan está un abrigo que ao poeta lle gustaba poñer, como lembrou Alfonso Blanco. Que Guitiriz é unha terra fría dende o punto de vista meteorolóxico é algo que non semella discusión; pero que a calor dos versos de Díaz Castro se notou hoxe tampouco admite dúbidas.

Máis actos

Non serán os de hoxe os derradeiros actos de homenaxe ao autor de Nimbos. Máis ben pode dicirse que foron o primeiro acto dunha obra que se irá representando nos vindeiros meses e que terá, como anunciou Alonso Montero, unha importancia sinalada o 17 de maio, Día das Letras Galegas: nesa data a Real Academia Galega celebrará una sesión en Guitiriz, como corresponde ao protocolo do día.

Aliciente

Que Díaz Castro pode ser unha boa razón para coñecer Guitiriz tampouco semella algo dubidoso. Non hai nos seus versos tantas citas explícitas á terra natal como noutros poetas chairegos, pero si un fondo que se percibe mesmo na lingua empregada. O alcalde, Xosé María Teixido, amosouse confiado en que os actos deste ano servisen para espallar o nome de Guitiriz.

Poeta maior

Así o definiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na súa intervención. Tosar, lembrando os seus anos xuvenís, comentou que nos anos setenta non era doado atopar exemplares de Nimbos e que dera contactado co poeta, daquela residente en Madrid, grazas a Ramón Piñeiro.

Tamén seductor

Do home Díaz Castro falou un dos deus fillos, José María Díaz Zubizarreta. Para el, seu pai foi sobre todo un home bo e tamén un galego que nunca esqueceu a terra de orixe malia todos os anos vividos fóra. Na súa intervención, ademais, fixo en voz alta unha pregunta recibida con sorrisos polo público que enchía a Escola Habanera na inauguración da mostra: ¿como un galego sen especial atractivo físico conseguiu que se namorase del a rapaza máis fermosa do País Vasco? A súa dona, Teresa Zubizarreta, era vasca e morreu antes ca el.

Cos rapaces

Queda para o remate unha mención do acto celebrado pola mañá no instituto da vila, que leva o nome do poeta. A Díaz Castro non só lle gustaba falar cos rapaces que andaban polo campo da feira, senón que adoitaba asistir ao festival de Pardiñas. O IES Díaz Castro está a preparar un roteiro con lugares vencellados co escritor, e así amósase, como tamén comentou Alonso Montero na súa intervención na Escola Habanera, a vixencia das palabras de Gabriel Celaya: a poesía é unha arma cargada de futuro.