A novela «Izan o da saca», base para unha ruta no Saviñao e Pantón

O sábado haberá un percorrido guiado polos escenarios da última obra do escritor Xabier Quiroga

$tituloImg.$pieImg

03/11/2016 13:06 h

Este mes cúmprese un ano da publicación de Izan o da saca, a última novela do escritor Xabier Quiroga, natural do Saviñao. O libro servirá de base para un roteiro cultural dirixido a docentes do ensino público que se levará a cabo o sábado neste municipio e no de Pantón. A organización corre a cargo do Centro Autonómico de Formación e Innovación de Galicia -Cafi, dependente da Consellería de Cultura e Educación-, que promove regularmente percorridos culturais a fin de dotar aos profesores de novos recursos para aplicar no seu traballo.

O itinerario discorrerá por diversos lugares do entorno do Miño que o escritor utiliza como escenarios da súa novela, inspirada nas rutas que utilizaron numerosos responsables do réxime nazi para esconderse en España e fuxir das autoridades aliadas despois da derrota alemá na Segunda Guerra Mundial. A obra de Quiroga, mesturando realidade e ficción, baseáse na presenza histórica de membros desta rede clandestina en Galicia.

Na ruta figuran lugares como as igrexas de San Martiño da Cova, Santo Estevo de Ribas de Miño e San Paio de Diomondi, o Ecomuseo de Arxeriz, as instalacións de Adegas Moure, a localidade de Belesar, o castro de Marce e a fervenza de Augacaída. Para participar neste percorrido -con prazas limitadas-, os docentes deben inscribirse no referido organismo, que ten o número de teléfono 981 52 24 11 e o correo cafi@edu.xunta.es.

O Cafi organizou a pasada primavera outra ruta literaria polo sur lucense, baseada neste caso no libro Cantigas e Cantos de Pantón, de Manuel María, coincidindo coa celebración das Xornadas da Rota do Románico.

Votación
4 votos
Comentarios