Patrocinado porPatrocinado por

Unha colleita educativa de mel e cera para os alumnos do colexio do Incio

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

AGRICULTURA

O centro organizou varios obradoiros didácticos en torno á apicultura co apoio do programa Voz Natura

06 oct 2016 . Actualizado a las 20:36 h.

O colexio público Ricardo Gasset, no municipio do Incio, é o máis veterano do sur lucense no programa de educación ambiental Voz Natura, promovido pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre co apoio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, as fundacións Alcoa e Ramón Areces e El Corte Inglés. O centro tamén conta cunha ampla experiencia na apicultura, que volve centrar as actividades deste curso.

En anos anteriores, o colexio chegou mesmo a contar cunha colmea de observación que estaba instalada no laboratorio, onde os alumnos podían contemplar de forma continuada a vida das abellas. Pero algúns problemas de alerxia entre os rapaces fixeron que esta instalación deixase de utilizarse hai algúns anos. Iso non impide que no centro se sigan desenvolvendo actividades educativas relacionadas coa apicultura. Durante toda a xornada de onte, os alumnos participaron en varios obradoiros, un dos cales consistiu en extrar mel dunhas colmeas que foron proporcionadas pola empresa Mieles Anta, domiciliada no veciño municipio de Bóveda.

Ao longo da mañá, os vinte alumnos que ten actualmente o colexio do Incio puideron levar a cabo coas súas propias mans todo o proceso de extracción ou castra. Comezaron por sacar das colmenas os cadros móbiles nos que están encaixados os panais para despois retirar pacientemente os opérculos ou tapas de cera con que as abellas pechan as celas onde está almacenado o mel. Moitos dos rapaces, que xa contan con experiencia previa de cursos anteriores, mostraron unha notable destreza no manexo do coitelo coñecido como desoperculador. Algúns deles, que se incorporaron ao centro este curso, non coñecían aínda a técnica, pero puxeron entusiasmo en aprendela.

Unha actividade tradicional que se pode relacionar coa música e as matemáticas

A xornada de onte no colexio do Incio complementouse con outros dous obradoiros centrados na apicultura. Un deles foi de creación literaria -que consistiu en escribir contos de temática apícola- e o outro, de elaboración de carteis co lema «O mel é saúde». Por outro lado, ao longo da semana pasada, os alumnos participaron noutras actividades nas que a apicultura foi relacionada con diversas disciplinas educativas. As formas hexagonais das celas dos panais serviron de base para estudar matemáticas. Na clase de música ensaiouse unha canción que comeza así: «Na castra do mel / ímolo pasar moi ben». A preparación dun receitario, a realización de manualidades e a proxección de vídeos sobre a vida das abellas completaron o programa.

A profesora Cristina Méijome, que coordinou estas actividades, sinala que ademais da súa dimensión de educación ambiental, teñen o obxectivo de potenciar a vida no rural. «Nun lugar como O Incio, a apicultura ten un valor económico e cultural moi importante e este programa axuda a que os nenos adquiran unha maior conciencia do medio social no que viven», explica.

Familiazarse de forma prática con todo o proceso, desde a castra dos panais ata o envasado

Ao tempo que retiraban o mel e a cera dos panais, os alumnos puideron vestir traxes de apicultor -ou de apicultora, como precisaron os profesores- para familiarizarse co seu uso e posaron nun photocall vestindo tales atuendos. Mentres se desenvolvía o traballo, os rapaces ían respondendo as preguntas dos profesores acerca das diferentes partes do labor da castra e dos nomes e funcións dos obxectos e utensilios utilizados no proceso. Durante a tarefa, como recompensa, tiveron ocasión de probar algunhas piscas lambendo os dedos. E tamén espremeron a cera manualmente para extraerlle o mel.

Una vez retirada a cera dos opérculos, a tarefa continuou coa extracción de mel dos panais mediante unha centrifugadora manual. O seguinte paso foi o envasado do produto. Os frascos que se encheron de mel -adornados artisticamente con teas e cordóns- serán gardados para consumir na excursión de fin de curso e tamén a para agasallar a algúns visitantes do colexio.

Elaboración de velas

O outro produto característico da colleita apícola, a cera, tamén será conservada para darlle algún uso que aínda está por decidir. Probablemente consistirá en elaborar velas de forma artesanal, como xa se ten feito outras veces no centro.