Unha festa castrexa en Taboada precederá á queima de fachas

k. armesto / c.c MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O sábado haberá actividades durante todo o día antes de subir a Castelo

04 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Este sábado Taboada volve ás orixes e convértese por un día nunha vila de castrexos. Aproveitando a queima das fachas que cada ano se vén celebrando na súa aldea de Castelo na madrugada do sábado ao domingo, a asociación cultural O Carballo de Taboada, decidiu organizar por primeira vez unha festa castrexa durante todo o día para que ambas se fusionen.

Pola mañá, na Alameda de Taboada, concentraranse diversos postos de artesanía con produtos para a venda. Entre as 11:00 e 13:30 horas o grupo Terra Copora encargarase de recoller e reproducir o mundo castrexo e romano cunha sesión de xogos para nenos. Tamén haberá xogos para adultos da man deste grupo entre as 16:30 e as 18:00 horas.

Po outro lado, haberá unha exposición aberta entre as 11:00 e as 20:00 horas, onde con mostras de fotografía, recreacións de cerámica, vestimentas e xoias do mundo castrexo, se achegará unha parte das pegadas desta cultura. Os organizadores non se esquecen do elemento musical, e terán durante todo o día a Alameda chea de melodías tradicionais con grupos de gaitas, pandeiretas e folclore.

Nesta festa, ademais de colaborar a propia asociación, a Deputación e o Concello, tamén o fan a asociación de empresarios e de bares. Dende as 12:00 horas, nos bares de Taboda, con cada consumición, ofrecerán unha tapa castrexa de balde. Por outra banda, a escola de equitación La Cruz terá paseos gratis en cabalo durante todo o día.

Será ás oito da tarde cando os asistentes á festa castrexa de Taboada, cada un coa súa vestimenta da época, se encamiñen cara ao castro de Castelo. Alí agárdalles unha cadea de rituais para facer da noite da queima das fachas unha noite máxica. Primeiro disfrutarán da cea en conxunto, da queimada e da música. E ás doce da moite, como é tradicional, as fachas que rodean o castro, encherán de lume o ceo mentras os veciños contemplan cal delas é a última en apagarse.