Capturas con redes e rastreo con pequenos transmisores de radio

La Voz

LEMOS

17 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Para realizar o estudo, os investigadores comezaron por instalar redes de captura -similares ás usadas para capturar e estudar paxaros-, a fin de catalogar as diferentes especies presentes no territorio e de estimar a abundancia de cada unha delas. Despois seleccionaron algúns exemplares de determinadas especies que resultan particularmente interesantes para o seu traballo e colocáronlles pequenos radiotransmisores a fin de seguir constantemente os seus movementos e estudar mellor os seus hábitos.

O inverno excepcionalmente cálido e seco deste ano -apuntan por outro lado os responsables do estudo- fixo que a actividade dos quirópteros fose máis intensa do que é normal para esta época do ano. «Os morcegos hibernan desde mediados de novembro hasta marzo ou abril, e nas zonas de montaña incluso un pouco máis, porque alí o inverno é máis longo pero esta vez a situación foi algo diferente debido a estas condicións meteorolóxicas anómalas», sinala Hermida.

Últimos pasos

O traballo de investigación, que aínda está actualmente en curso, darase por terminado a finais de mes. Os resultados presentaranse probablemente en maio. A asociación Drosera ten a intención de difundir o estudo mediante charlas divulgativas nos municipios onde foi levado a cabo.