O galego vaise cos maiores

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

O informe do Instituto Galego de Estatística deixa claro que a poboación nova fala cada vez menos na lingua propia do país, aínda que a coñece

06 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Parece non ter marcha atrás. Os maiores falan galego, os novos non. A enquisa de condicións de vida das familias que leva a cabo o Instituto Galego de Estatística inclúe un apartado específico sobre o coñecemento e o uso da lingua galega, e os resultados non poden ser máis claros: a máis idade, máis habitual é falar en galego sempre ou de forma maioritaria; mentres que os novos se expresan fundamentalmente en castelán.

O IGE establece intervalos de idade. Entre os 5 e os 14 anos, tres de cada catro rapaces falan case sempre en castelán (máis do 47 % fano sempre). Todo o contrario a partir dos 65 anos, o 74 % optan de xeito habitual polo galego (o 52,74 % sempre). A porcentaxe de galegos que se expresan sempre na lingua propia da comunidade vai medrando en función do envellecemento da poboación, e os que falan sempre en castelán van baixando.

Sen ter en conta a idade, o 31,2 % das persoas falan sempre en galego. Hai cinco anos a porcentaxe era similar (un 30,2 %), pero hai dez anos a porcentaxe era doce puntos superior, superándose o 40 %. O feito de que o galego esmoreza como lingua habitual, non quere dicir que non se coñeza. O dominio non varía apenas en función da idade. A excepción dos menores de 14 anos, onde so o 40 % admite saber falar ben o galego, no resto de intervalos o coñecemento é alto, e mesmo entre os mozos de 15 a 29 anos é superior ao que teñen os maiores.

Fálase pouco, escríbese menos

A lingua habitual de escritura é o castelán. Os datos son moi similares nos últimos anos, e só o 15 % utiliza o galego como lingua habitual de escritura. Nin entre os que son galegofalantes este idioma é o usado ao escribir -so un 33,5 % escriben sempre en galego-; e cando se analiza ao colectivo de persoas que fala sempre en castelán, so o 0,73 % escribe en galego.

O ámbito familiar segue a ser un espazo de conservación e uso do galego. O 44 % dos cidadáns falan sempre en galego cos irmáns; e o 42 % cos fillos. Pero é destacable que o 34 % das persoas que teñen avós lles falan sempre en castelán. Este uso do castelán e do galego varía cando do ámbito familiar se salta ao ámbito social. Os amigos son o colectivo no que máis se usa exclusivamente o galego, e o que menos os profesores dos fillos. As conversas cos médicos e o persoal de banca son outros dos actos diarios onde o uso do castelán é maioritario. Así, o 58 % dos galegos falan de xeito predominante en castelán cos profesores dos seus fillos; e o 55,75 % cos médicos. No caso dos amigos, o 50,7 % emprega de forma máis común o galego.

Relacións laborais

No traballo, o galego é máis empregado cos compañeiros e cos clientes, mentres que tanto cos superiores como co persoal a cargo, o castelán emprégase de xeito maioritario. Cos clientes só o 22 % usa sempre a lingua castelá, pero no caso dos xefes esta porcentaxe sube ao 38 %. No caso dos clientes, os datos reflicten que a maioría dos traballadores combinan as dúas linguas, o que quere dicir que en moitos casos o falante se adapta á lingua do seu interlocutor.

Nos últimos cinco anos, a porcentaxe de alumnos que recibe todas as clases en galego caeu máis de doce puntos, ata situarse no 2013 nun 2,15 %. Tamén caeu, pero pouco, a cifra dos alumnos que reciben maioritariamente en galego a docencia. No primeiro caso, a diferenza de doce puntos ten unha clara explicación no decreto do plurilingüismo no ensino, xa que establece un reparto simétrico entre as materias dadas en castelán e en galego, a diferenza do decreto do goberno bipartito, que so recollía a obrigatoriedade de que ao menos o 50 % das materias se desen en galego, sen poñer un límite máximo.

O que ocorre actualmente é que os alumnos que reciben as clases maioritariamente en galego ou maioritariamente en castelán son practicamente os mesmos -un 51 % os primeiros, un 46 % os segundos-. Na universidade ou no resto de ensinanzas non obrigatorias, como pode ser a formación profesional, este control por manter a igualdade desaparece, polo que a partir dos 17 anos o 65 % reciben as clases basicamente en castelán, e o galego quédase no 35 %.

O 20 % dos galegos ven maioritariamente a televisión en galego, mentres que o 16 % escoitan radio nesta lingua de xeito habitual. Aínda así, os medios de comunicación e Internet son basicamente canles nas que se usa o castelán. No caso dos libros a porcentaxe cae aínda máis. O 58 % fano sempre en castelán, e só o 4,8 % o fan sempre ou case sempre en galego.

Máis galego no Carballiño

No 2013, no 22 % dos fogares todos os seus membros falaban habitualmente en galego, unha porcentaxe algo inferior a hai cinco anos. Por áreas xeográficas a de Carballiño-O Ribeiro e a de Coruña suroriental son as que presentan máis fogares con falantes en galego, mentres que as áreas urbanas de A Coruña, Ourense e Vigo, son as máis castelán falantes.