Monóxido e violencia

Xan Rodríguez Silvar EN POSITIVO

FERROL

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Flota no ambiente estes días unha atmosfera de insidiosos pesadelos, dos que semellan non desaparecer nunca, dos que causan adormecemento e, chegado o caso, a morte. Ambos son invisibles, difíciles de detectar, ata que atacan. E soen elixir aos máis débiles elos da sociedade, as mulleres, aos fillos e fillas e, xa sen diferencia de xénero, a fogares desfavorecidos. Unha desas silentes ameazas é o monóxido de carbono (acompañado do seu parente, o dióxido) xerados en estufas e braseiros mal ventilados, en instalacións precarias ou descoidadas, das usadas para amortecer o frío da invernía. Unha combustión pobre en osíxeno pode liberar eses velenosos gases que non cheiran a morte, non avisan do perigo e, un ano tras outro, rouban vidas que non deberiamos perder. Tampouco avisa a outra rosaliana negra sombra da violencia de xénero. As mulleres oficialmente mortas entre 2003-16 foron 865, as vítimas mortais de ETA en 50 anos foron 829, segundo fontes oficiais. Unha comparación discutible, mais elocuente. Ademais, coma cos accidentes de tráfico, tan so contan as baixas, e xa arrepía. Esquécense os «danos colaterais» de lesións medulares, secuelas psicolóxicas das protagonistas, das familias, do entorno social. Ambos pesadelos, o monóxido e a violencia de xénero, teñen como lugar como común a casa; pode que moitas veces esvaren polas mesmas paredes. Contra as malas combustións lóitase con información e ventilación. Ventilación social precisa, e moita, todo indicio dun mal ambiente que ameace a algunha muller, ou á xente miúda que dela dependa. O teléfono 016, de axuda a mulleres en risco, ofrecido aínda en 2007, debería sonar máis veces para evitar danos sen volta.