Breogán Riobóo: «Será a sociedade quen poña en marcha ou non a marea galega»

Carlos Punzón
Carlos Punzón VIGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Adianta que Podemos contempla ir co seu nome á autonómicas e xerais. «Non ten que ser Beiras, Yolanda ou Breogán quen faga a marea», avisa

28 may 2015 . Actualizado a las 09:00 h.

O secretario xeral de Podemos Galicia le o resultado das municipais como un chanzo máis no cambio do escenario político que da por comezado no 15M, seguiu nas europeas e que agoira non ten volta atrás. «O obxectivo está un chisco máis cerca», advirte Breogán Riobóo (Narón, 1986) «e o bipartidismo non sabe como frear a súa gangrena».

-¿Atribúe a Podemos unha porcentaxe do éxito das mareas?

-Non se trata de medir cal é a organización que puidera ter máis o menos responsabilidade nos resultados, porque o papel fundamental foi o da cidadanía, que lanzou en Coruña e Compostela eses procesos e as organizacións despois os apoiamos.

-¿Entón secunda o dito polo próximo alcalde de A Coruña de diferenciar a Marea de Podemos?

-Cando fala Xulio [Ferreiro] fala ben, porque é a realidade. Podemos decidiu apoiar a Compostela Aberta, á Marea Atlántica e outras candidaturas de unidade popular e colaborou activamente para que tiveran bos resultados. As súas demandas eran as mesmas que Podemos puxera enriba da mesa. A cidadanía cando quere pode empoderarse e mudar o escenario político como está a suceder cun bipartidismo ferido de morte en gangrena que non saben como parar.

-¿Podemos naceu de arriba a abaixo e as mareas o fixeron ao revés?

-Podemos nace dende abaixo e dende o 15M, como a maioría das mareas. A proba foi a manifesto Mover Ficha que asinou máis de 50.000 persoas en 48 horas e sen o que non existiría Podemos.

-¿Vai ter Podemos como tal algún papel no día a día das mareas?

-Podemos non ten esa representación como tal. Que haxa xente de Podemos que participa nas mareas non quer dicir que sirva para transvasar propostas da organización para os concellos.

-Onde Podemos apoiou candidaturas tiveron bos resultados, ¿ten a sensación de que deberon aparecer en máis concellos?

-As eleccións municipais non estaban no calendario de Podemos, porque unha organización con poucos meses de vida non ten capacidade para ter unha implantación en todo o territorio. Si tiveran sido outros os tempos, outro galo cantaría.

-Pois Yolanda Díaz [EU] cualifica de erro que Podemos non empuxase en lugares como Vigo da súa marea ¿Admite o erro?

-É a cidadanía a que ten que dar pulo ás candidaturas de unidade, non é culpa de Podemos que non tiveran alí outro respaldo cidadá.

-Outra chamada de atención dende EU e Anova: a creación da marea galega. ¿Está disposta Podemos a integrala?

-Nós temos moi claro onde estamos e onde temos que estar: coa xente que está pasando situacións complexas, esas son as nosas prioridades. Non ten que ser Yolanda Díaz, Xosé Manuel Beiras, nin Breogán Riobóo quen provoquen a creación dunha marea galega. A cidadanía sempre tivo espazos para a confluencia, e Galiza está na vangarda como se viu coas mareas, ou antes con Nunca Máis. Non teñen que ser declaracións de partidos e órganos políticos os que promovan a marea galega. Será a sociedade quen a poña ou non en marcha.

-¿A idea de Podemos é participar coa súa marca nas xerais e nas autonómicas?

-Na asemblea de Vista Alegre quedou delimitado que non iamos ás municipais e que nos demais procesos participaríamos como Podemos, a priori.

-¿E o que queira, que se sume?

-Sempre temos a man tendida pero non é momento aínda, e iso non o decide Breogán Riobóo.

-¿Non extraen conclusións de que si tiveran participado con outras forzas nas autonómicas serían máis determinantes?

-Tivemos un resultado moi bo máxime con só un ano de vida. A proba é que Esperanza Aguirre quer facer órdagos de partidos para frear a Podemos e fala da posibilidade real de que Pablo Iglesias sexa presidente.

-Xa que menta a Aguirre, que resposta ao que di de que Podemos ameaza o sistema democrático.

-A estabilidade a ameaza quen segue desafiuzar á xente; desestabiliza quen deixa baixo o limiar da pobreza a moita xente, quen precariza e destrúe emprego, esa é a xente quen non cree no sistema democrático, só no seu peto.