Agora a Comisión Europea recomenda ao Estado español ser rigorosos co principio de legalidade e deixarse de lerias. Remítelle un informe ao tribunal de xustiza da UE sobre o vergoñento caso español no que solicita que a banca reintegre a totalidade do cobrado indebidamente polas cláusulas solo declaradas nulas en sentenza. É dicir, reflicte o que a maioría dos avogados dixemos e moitos xuíces estaban aplicando ata que foron freados polos maxistrados da sala civil do Tribunal Supremo, que consideraron que facer xustiza era claudicar ante os intereses da poderosa banca e buscaron unha revirada formula para xustificar que a banca non tivera que devolver todos os cartos indebidamente cobrados nas cotas hipotecarias pola aplicación da cláusula solo.
O certo é que polo de agora non cambia nada. Veremos se nuns meses o Tribunal da Unión Europea dita unha sentenza acorde coa recomendación da Comisión, e veremos entón se o Supremo rectifica e acata o principio de primacía do dereito da UE.
En todo caso, o mal xa está feito. Neste tempo de verbena, as entidades bancarias xa se desfixeron dunha gran cantidade de posibles reclamacións, empregando toda clase de métodos, legais (faltaría máis). En Galicia moitos prexudicados reclamaron xudicialmente e acadaron a nulidade sen máis (porque era o que se daba entón), outros tantos están a acadar agora a nulidade cun premio de consolación recuperando os cartos dende maio de 2013 (é o que se dá agora), e xa veremos que pasa cos que restan. Un esperpento.
Os partidos que aspiran ao Goberno do Estado nas próximas eleccións do 20-D teñen unha oportunidade única de amosar de que parte están. Aínda que a recomendación da UE non é vinculante para os tribunais, os gobernos teñen base suficiente para soster a seguinte promesa: se gobernamos faremos que a banca lle devolva todos os cartos aos hipotecados prexudicados pola cláusula solo.
A ver quen se anima. ¡Éche ben fácil de cumprir!
Marcos Fernández Delgado (Nunc Avogados)