Luísa Villalta, a protagonista das Letras, este xoves nun especial de La Voz
CULTURA
Un suplemento de 24 páxinas profunda na figura e na obra da poeta; o xornal entrega ademais o venres o libro da xornalista Sara Pérez Peral «Luísa Villalta. A poesía en que salvarse», que se ofrecerá por 1,95 euros
14 may 2024 . Actualizado a las 23:54 h.A poeta do pensamento, a música do violino, a nena que medrou na coruñesa rúa da Falperra coa súa irmá Susana e a tartaruga Conchita, a cronista que fixo da Coruña a Cidade Alta no mapamundi da poesía, a muller coherente e comprometida, a amiga que sempre estivo aí. Luísa Villalta (A Coruña, 15 de xullo de 1957-6 de marzo do 2004), as Luísas que caben en Villalta volven bruar este maio. A sexta muller homenaxeada na historia do Día das Letras Galegas, falecida aos 46 anos, é a protagonista dun suplemento de 24 páxinas que este xoves entregará La Voz de Galicia.
Nesta publicación para coñecer a autora de Ruído, Música reservada, En concreto, Teoría de xogos e Papagaio ofrécese un percorrido persoal e artístico. O especial ábrese cun perfil da crítica Malores Villanueva e segue cunha entrevista á xornalista Sara Pérez Peral, autora do libro Luísa Villalta. A poesía en que salvarse, que ofrecerá o xornal, por 1,95 euros, o 17 de maio. Recolle tamén unha escolma de lecturas para entrar no universo Villalta e inclúe entrevistas con antigos alumnos e os recordos da súa irmá e algunhas das súas amigas.
A súa obra póstuma e algún dos seus exames sorpresa, tamén neste especial, tecido con voces como as de Marilar Aleixandre, Maribel Longueira, Inma López Silva e Diego Ameixeiras.