Xulio L. Valcárcel: «A miña é unha poesía marcada polo humanismo»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

O libro «Memorias dos días, formas da levidade» reúne a lírica do escritor lucense, en edición de Luciano Rodríguez

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fago unha poesía para axudar a vivir, que é unha frase de Miguel González Garcés, como premisa vital». Isto di Xulio L. Valcárcel, procurador dos tribunais e, sobre todo, procurador de palabras: «O poeta submete o texto a unha constante depuración, deixando á marxe adornos innecesarios. A súa poesía nace con desexo de facer memoria co material fráxil da palabra». Isto escribe Luciano Rodríguez, autor da edición do libro Poesía reunida (1979-2017). Memoria dos días, formas da levidade (Medulia editorial). Este volume reúne por primeira vez a obra Valcárcel que está traducida ao español, catalán, inglés, italiano, alemán, ruso e francés. «Están tódolos libros menos un, que é unha decisión de Luciano porque non se acaía co conxunto da recompilación», detalla o poeta, xunto co dato de que dos dous primeiros se recolle «unha selección representativa. Os outros están enteiros e hai un inédito, Outono nos espellos, que tamén se publicou exento... Non é doado resumir 37 anos de escrita». 

Xeografía vital-sentimental

Luciano Rodríguez asegura que na obra poética de Valcárcel «os escenarios son sumamente importantes e ben visíbeis» e salienta o poema Lugares, do libro A melancolía dos corpos (2008), no que está a súa xeografía vital-sentimental: «Gondulfe é a memoria / o lume orixinario [...]. Romeán suxire a casa silente [...]. Guntín foi outra vivencia [...]. Lugo é a tarde lenta e longa [...]. Compostela vai en nós como unha sombra [...]. En Quiroga por campos de amorodos [...]. A Coruña é levidade e transparencia / faro que me encamiña / escuma recóndita alegría / presente e futuro / praia definitiva».

De tódolos xeitos, esta presenza do local verase «que en ningún momento conduce cara ao localismo, xa que o autor soubo moi sabiamente facer que o local se torne no universal sen fronteiras», escribe Luciano Rodríguez nun libro que leva na portada unha obra do artista plástico Xurxo Gómez Chao.

Con esa idea da lírica sen fronteiras concorda o poeta: «É unha poesía que vai do intimismo cara a unha voz máis universal, máis ecuménica, sobre todo das clases máis desfavorecidas pero non no sentido político, senón de cousas como a tenrura das oito da mañá cando no autobús vai xente con gripe, que durmiu mal esa noite... A miña é unha poesía marcada polo humanismo».

Valcárcel busca que exista unha identificación dos lectores: «Que digan 'iso tamén o pensei eu pero non o escribín'. É poesía moi doada de entender, de sentir; son sentimentos universais como a beleza, a morte, a ausencia, o amor, a forza de cada primavera, a vida...».

Tamén busca facer temas novos: «Non repetirte a ti mesmo, buscar outro desafío, outro rexistro da túa propia voz: hai un intento de evolución; a arte é un territorio arriscado polo que non se pode transitar con rede, hai que someterse ao desafío que supón mergullarse nunha selva descoñecida, seguir un novo reto, que cada libro sexa algo distinto». Todo iso está nunha lírica «necesaria e esixente, obra que reflexiona sobre o ser e a súa existencia, sobre a mirada perdida, sobre a luz que asombra e sobre as sombras da luz», segundo escribe Luciano Rodríguez.

«Se envellecemos xuntos», un texto para vodas con 4.700 reproducións na Rede

Memoria de agosto (1993) é un dos sete libros de Xulio L. Valcárcel agora reunidos. Aí está Se envellecemos xuntos, un poema que en lugares como Ferrol, Carballo, A Coruña ou Monforte empregase nas vodas civís: «Máis, se envellecemos xuntos / se desandamos o vieiro da vida / paso a paso / mirarei nos teus ollos / o esvarar do tempo / inorde como un barco». O concello de Monforte fixo unha edición especial do texto para agasallar aos que casan alí. O poema tamén saltou as redes sociais e un vídeo do mesmo en YouTube leva máis de 4.700 reproducións. «Cristian Rola gravou a miña voz e pon imaxe», di o poeta que considera moi positivo «o intento de usar as novas tecnoloxías para chegar a poesía, un xénero que se podería ver anticuado pero aí se atopan con ela».