Víctor Freixanes: «Este é un país demograficamente pequeno que fai milagres»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Álvaro Ballesteros

Hai máis dun ano comezou a preparar a súa sucesión á fronte de Galaxia e descártase como candidato á RAG

16 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Non ía moito á catequese de cativo, así que sempre quedaba dos últimos no reparto de agasallos dos Reis Magos. Cando chegaban o seu irmán e mais el, só quedaban libros. E menos mal. Porque falar de Víctor Freixanes (Pontevedra, 1951) é falar de libros. Leunos. Tamén os escribiu. E editounos, abofé que o fixo. Agora quere comprar tempo. Tempo para ganduxar os proxectos que lle bulen na cabeza.

-¿Como se ve Galaxia fóra de Galaxia?

-Realmente non me sinto fóra de Galaxia porque sigo sendo conselleiro, presidente da Fundación Otero Pedrayo, codirector de Grial e, ademais, participo moito neste proceso de transición que capitanea Francisco Castro. Síntome moi satisfeito de como unha empresa produce os seus propios mecanismos de renovación, que é do que se trata.

-¿Non lle quedou nada por facer?

-Recollendo e ordenando os papeis con Francisco [Castro] atopamos a memoria que eu escribín cando cheguei no ano 2002. Do que era debuxar aquela realidade a hoxe cambiaron moitas cousas. Con todo, as grandes preocupacións e as liñas estratéxicas da editora que hoxe seguen vixentes estaban xa escritas nese momento. O cambio das tecnoloxías, os novos hábitos de consumo da sociedade lectora, as novas demandas das novas xeracións... Iso obriga a que a empresa editorial estea continuamente lendo a sociedade e transformándose.

-¿Que retos lle agardan a Francisco Castro?

-Para min os novos desafíos que ten Galaxia son o cambio xeracional de hábitos de consumo da cultura, onde o libro está vivindo un momento de transformación, non me atrevo a dicir crise, porque non é certo, nunca se leu tanto como agora, nunca se produciu tanto libro como agora. Hai que traballar o mundo da lingua e da lectura. A lingua galega ten problemas que non temos solucionado. Despois están as novas tecnoloxías, o mundo xa non é Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense, o mundo é o mundo mundial. Con iso ti tes que competir dende a propia identidade dun país.

-¿Estamos obrigados a escoller entre o papel e a pantalla?

-Non é incompatible. Un compra unha tablet para ver vídeos, para falar cos amigos, para Internet... Pero para ler a Otero Pedrayo, a Manolo Rivas ou a Paco Castro non compras unha tablet. Compras un libro. ¿Que o mundo vai nunha dirección? Iso non o discuto. Pero non á velocidade que os gurús da tecnoloxía dixital din. Esta banalización do todo gratis da cultura, da información e da comunicación ao final ímola pagar. 

-¿Sen novos lectores?

-A memoria dos vellos, que pode ser a xeración Nós, o Rexurdimento e ata a lírica medieval, hai que conectala con novas formas de expresión e de creación dos novos tempos. O problema é que temos unha demografía tocada. Non é que haxa poucos lectores, é que hai poucos nenos e nenas.

-¿E os novos grandes referentes literarios?

-A iso hai que darlle tempo. Cando empezabamos a escribir había unha frase que era que Galicia non tiña un Shakespeare. É que Galicia non é Inglaterra, para empezar. Comparativamente, este é un país demograficamente pequeno que fai milagres: temos cine exportable; temos literatura con autores traducidos a moitas linguas; temos unha xeración de escultores e pintores de primeirísimo nivel, temos o mundo da empresa, que tampouco é unha parvada. ¿Que nos falta? Unha estratexia política definida que aglutine todo iso e o proxecte no mundo.

-Cada vez hai menos galegofalantes.

-Cuantitativamente é certo que a lingua perdeu falantes. Tamén perdeu habitantes. Pero cualitativamente o número de falantes conscientes, formados, que usan o galego e se moven en galego e tamén poden moverse noutros idiomas, aumentou espectacularmente. Estamos nesa encrucillada. ¿Queremos ser unha lingua que sexa simplemente un adorno para sacar en procesión o día do Corpus ou queremos unha lingua capaz de marcar unha identidade dun país e conectarnos co mundo? Iso esixe vontade política sen complexos. En política a clave está na capacidade de conciliar, de consensuar e de sumar xentes diversas.

-O preito entre Xunta e Academia non é moi conciliador.

-A Academia intentou polo menos acollerse ao dereito a dicir así non. Dinamitaron o Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade e convertérono noutra cousa. Ao final o que fixeron foi enfrontar a sectores do país. Ningún galego, por moi radical que sexa, está contra o castelán. O castelán é unha riqueza, igual que o portugués. E o inglés.

-¿Prantéxase ser presidente?

-Temos un presidente que é magnífico, que fixo un traballo que creo que nunca lle agradeceremos suficiente. Mentres Xesús Alonso Montero estea aí...

-Hai eleccións en abril

-Calquera dos membros da Academia sería un gran presidente.

-A outra gran institución é o Consello da Cultura Galega.

-[Ramón] Villares fortaleceu o entender que a cultura non é a lingua nin a filoloxía, é moito máis plural e diversificado: está a ciencia, está a tecnoloxía, está a ordenación do territorio, a arquitectura... Pero creo que o consello podía dar de si moito máis, e volvemos á vontade política. O consello ten unha posibilidade de proxección exterior da cultura galega que non está desenvolvida.

-Hai un gran músculo pouco aproveitado?

-Galicia ten Academia, Consello, Instituto Ramón Piñeiro, ILG e as universidades. Ás veces están facendo o mesmo e iso hai que organizalo. Está desaproveitado e está perdido na guerrilla individualista onde cada un ten a súa pequena parroquia e outras veces unha falta de recursos, que tamén é certo que estamos atravesando momentos delicados, como houbo momentos de despilfarro. Diñeiro hai, a pregunta é en que se inviste.