A RAG publica por primeira vez os textos que xurdiron das Irmandades da Fala

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Laura Tato coordina o libro do teatro e Henrique Monteagudo o da «prosa das ideas»

30 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Prosa de ideas». Así cualificou o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o contido dun dos dous volumes monográficos publicados pola institución sobre as Irmandades da Fala. Trátase de 24 textos recollidos por Henrique Monteagudo baixo o título de Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Antoloxía. A outra obra é O teatro nas Irmandades da Fala, da profesora da Universidade da Coruña Laura Tato. Con estes dous volumes, e outros dous que de narrativa e poesía que se están preparando, arrinca a nova colección Antoloxías da Academia e, ao mesmo tempo, recóllense por primeira vez os textos, de diversos xéneros, que xurdiron das Irmandades. De tódolos xeitos, onte, na presentación dos das obras, Alonso Montero apuntou, non sen certa retranca, que había unha pequena escolma dos textos das Irmandades «editada polo Partido Comunista» en Vigo, no ano 1977, cando se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Antón Villar Ponte.

Para Monteagudo son textos nos que o autor «fala de ideas, pon tamén a súa impronta persoal, se preocupa do estilo» e, por iso, «este xénero é, para min, o máis representativo das Irmandades, porque é a través destes textos como as Irmandades difunden, crean, a súa imaxe de Galicia». Na escolla, Monteagudo recupera tamén conferencias como a primeira que pronunciou Castelao en galego, na Coruña, no ano 1920, arredor da exposición Nós, ou a que ese mesmo ano e baixo o título Os nosos valores, foi lida por Antón Villar Ponte en Compostela.

Inspiración do «Alba de Gloria»

Recolle tamén as alocucións pronunciadas o 25 de xullo de 1930 no teatro García Barbón de Vigo por Castelao, Paz Andrade e Otero Pedrayo. «Neste último discurso é no que Castelao se inspirou para o Alba de Gloria, a peza oratoria máis brillante que se publicou no século XX en galego, lida en Buenos Aires en 1948», detallou.

«Seleccionei as obras que demostran os obxectivos que tiñan as Irmandades», explicou Laura Tato. Trátase de Donosiña, de Xaime Quintanilla, Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte, María Rosa, de Gonzalo López Abente, e Un caso complicado, de Leandro Carré Alvarellos. Todas elas foron representadas no seu día pero so dúas delas estaban publicadas ata agora. En canto aos obxectivos deste teatro estaban desde a igualdade das mulleres ata unha insinuación do divorcio, pasando pola demanda dunha renovación do teatro na comedia policial de Leandro Carré «que entonces non existía no teatro galego», explicaba Laura Tato.

Por outra banda, a RAG está promovendo mesas de debate sobre as Irmandades da Fala que empezaron en xullo e rematarán en decembro. Así, ademais da que tivo lugar na tarde de onte en Pontevedra, para o día 26 desde mes Ourense acollerá a titulada Lingua e ideas lingüísticas, cos académicos Rosario Álvarez, Antón Santamarina e Monteagudo.

Tres días despois, falarán en Ferrol, sobre Imaxe e identidade, Pepe Barro, Siro López e Victoria Carballo Calero. As seguintes mesas de debate, que se recollen nun tríptico que inclúe unha imaxe do manuscrito de Arredor de si, de Otero Pedrayo, serán en Lugo, 10 de novembro, Vigo, 13 de decembro, e A Coruña, pechando o ciclo, o 20 de decembro.