«O principio de Arquímedes» arrasa na 20.ª edición dos premios María Casares

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

A montaxe do Centro Dramático Galego «Xardín suspenso» faise con tres galardóns

31 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vicente Mohedano, da Asociación de Actores e Actrices de Galicia que organiza os galardóns, abriu onte a velada da 20.ª edición dos premios María Casares advertindo que todas as accións que se ían ver no escenario da gala estaban «interpretadas por xente real». Era a gran noite do teatro galego, dos actores. Pero despois de reivindicar a importancia do público, e tras o número musical 20 homes, tivo unhas palabras para lembrar a importancia da fundación das Irmandades da Fala, da que se cumpren cen anos. Ai, a palabra.

Onte foi tamén (sobre todo) a noite da compañía Teatro do Atlántico, que arrasou coa montaxe O principio de Arquímedes, que se impuxo en cinco das oito categorías nas que resultou finalista. Só Xardín suspenso, do Centro Dramático Galego, estivo a piques de facerlle sombra, coas súas tres estatuíñas. Pero é que a produción dirixida por Xulio Lago gañou os galardóns importantes: espectáculo, dirección, actor principal, actor secundario e adaptación.

Os compoñentes de Chévere foron os encargados de levar a festa de O principio de Arquímedes a todos os demais. Trasladaron o Rosalía ao mundo da ultranoite, «ese xénero nocturno, acabaretado e gamberro» que tan ben manexan, para poñelo fronte ao musical que se fai en Broadway pero con acento propio. Si, «como o que faciamos na sala Nasa», anotou Xesús Ron. A gala lembrou que xa hai 20 anos da morte, exiliada en París, da actriz que lle dá nome. E do exilio «de tantos profesionais» falou Montse Dopico, autora do Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. O teatro galego, advertiu, «malamente poderá pervivir xa non só no medio da política das navalladas aos orzamentos culturais, senón na trampa dunhas axudas que parecen concibidas para fomentar a dependencia».

Cunha escenografía de Suso Montero, cinco músicos (con tres temas compostos por Martínez Antelo) e nove actores -que tamén lembraron «á xente que nos anos 70 e 80 chantaron o teatro galego»- encheron de maxia o escenario durante case dúas horas.

Moi emotiva foi a entrega do premio de honra Marisa Soto á Revista Galega de Teatro, «que ten máis anos que a Asociación de Actores», chanceou Mohedano. Toda a xunta directiva da asociación subiu ao escenario para celebrar esta publicación, cuxo director, Antón Lama Pereira, eloxiou o labor das once persoas que loitan para sacala adiante.