«Xente ao lonxe» regresa ás librerías coas pasaxes mutiladas pola censura

CULTURA

EBA

A obra de Eduardo Blanco Amor foi restaurada por Xosé Manuel Dasilva, quen tamén recuperou o espírito de «A esmorga»

28 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a súa primeira publicación en 1972, Xente ao lonxe foi reeditada en arredor de quince edicións, mais en todas o texto estaba «non pouco esfolado», segundo a advertencia do propio Eduardo Blanco Amor (1897-1979) no libro. O escritor facía así referencia sutil ás tesoiras da censura, que mutilaran un texto que consideraba un «exercicio de lingoaxe» para escribir do seu tempo: non en van a novela tivera que superar no segundo intento as reticencias dos censores franquistas, que deixaran fóra significativas pasaxes por cuestións políticas, morais e relixiosas.

Agora, máis de corenta anos despois, chega ás librerías a versión restaurada de Xente ao lonxe (Galaxia) nunha edición a cargo de Xosé Manuel Dasilva, quen tamén se ocupou de devolver o espírito orixinal a outra das grandes obras de Blanco Amor, A esmorga. Dasilva asina ademais un esclarecedor e minucioso epílogo que relata as vicisitudes da novela ante a censura e dá a clave de por que agora ve a luz esta «versión verdadeira», a diferenza do caso de A esmorga, no que se restituíu a primeira edición arxentina sen censura: «A descuberta venturosa dunha copia orixinal mecanografada, á que nos conduciu o expediente de censura da obra, onde está o texto que Blanco Amor desexou tirar do prelo e, por imperativo da censura, non puido». Hoxe en mans privadas, esta versión do orixinal foi considerada polo escritor como testamentaria, como proba a anotación autógrafa no folio de cuberta: «Original total. Tachadas nil as ouxecións da censura».

Certamente, as obxeccións dos censores foron diversas, xa que no propio departamento os inspectores que informaron sobre ela discrepaban nas súas valoracións literarias, aínda que ao final todos coincidían en suprimir as pasaxes que consideraban improcedentes. O 27 de abril de 1971, un primeiro censor cualificaba a novela de «un tanto original por su contextura», aínda que «adolece, tal vez, de realismo ambiental y (...) roza la obscenidad, cae en el lenguaje crudo y malsonante». Se este informe autorizaba a publicación do libro con emendas, o 6 de maio un segundo censor asinaba outro, moito máis negativo e que rexeitaba a obra: «Novelita de bastante pobreza literaria en la que se nos narran los acaeceres diarios de una aldea gallega vistos a través de los ojos de un niño. En un estilo que pretende ser imitativo de Camilo José Cela está basada toda la obra. La realidad es que generalmente se convierte no solo en grosera sino también en obscena. Aparecen distintas descripciones realmente impublicables en cualquier país».

«Enriquecimiento del gallego»

Para desfacer o empate, a censura encargou un terceiro informe, que, malia destacar os seus «interesantes valores literarios en cuanto al enriquecimiento del idioma gallego y a la descripción de su carácter y costumbres», a consideraba «no autorizable, aunque fácilmente el autor podría revisarla». Dende Galaxia, Francisco Fernández del Riego comunícalle «con fonda mágoa e disgusto» a noticia a Blanco Amor, quen se laia do que considera unha discriminación inxusta, que exemplifica, entre outras obras, co San Camilo de Cela: «Por lo visto cuenta con bula». Aconsellado por Del Riego e Paz Andrade, un reticente Blanco Amor reformulou o texto, que acadou en decembro de 1971 a autorización da censura, malia conter aínda «blasfemias, palabras y frases obscenas, conversaciones eróticas entre muchachos sumamente atrevidas...». O censor admitía a súa benevolencia porque «la obra está en gallego y su difusión será escasa». Aparecería por fin en 1972. Dende entón, leva vendidos milleiros de exemplares. Agora, restaurada, inicia unha nova xeira.