Testemuños, arte e poesía arredor de Celso Emilio

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

Editado un dobre deuvedé con documentais sobre o escritor

04 mar 2014 . Actualizado a las 10:27 h.

A aproximación «contemporánea, non académica e fresca» do cineasta Aser Álvarez á figura de Celso Emilio Ferreiro, e que se concretou na longametraxe documental 100 % CEF, xa está dispoñible nunha edición en dobre deuvedé que recolle máis materiais extra arredor do escritor de Celanova. Deste xeito, a cinta, que foi elixida mellor documental nos Mestre Mateo do ano pasado, combina unha caracterización do autor, a cargo de Luís Tosar, con testemuños dos seus biógrafos, Xesús Alonso Montero e Ramón Nicolás, xunto cos de outros como Xosé Luís Méndez Ferrín, Suso de Toro, César Portela, Daniel Salgado, Sabino Torres e Anxo Angueira. Tamén interveñen os fillos de Celso Emilio, Isabel e Luís, artistas como Francisco Leiro, Baldo Ramos, Manolo Paz e Baldomero Moreiras, e músicos como rapeiros ou gaiteiros.

Reducido e ampliado

A edición en disco, coordinada por Plácido Romero para Arraianos, inclúe tanto a versión reducida da obra, 50 % CEF, o poeta da vida -unha síntese cun claro obxectivo didáctico e que leva subtítulos en inglés-, como a ampliada: así, 102 testemuños de aniversario compensa os recortes que por mor do espazo tivo que sufrir 100% CEF, e rescata da mesa de edición «unha selección das opinións máis interesantes e valiosas, por achegaren enfoques novidosos e mesmo polémicos sobre Celso Emilio», segundo os seus responsables. O 102 do título vén condicionado pola súa publicación neste 2014, cando se fan 102 anos do nacemento do escritor. O propio Romero tamén é autor dunha achega a como se fixeron os documentais, un making of sobre estes traballos.

A edición complétase con outros dous títulos que teñen un carácter máis artístico. Trátase de Homenaxe a Celso Emilio Ferreiro, unha curtametraxe sobre unha instalación de Baldomero Moreiras, creada para 100?% CEF, así como Noutrora, unha videocreación que asina Xudit Casas.

Arraianos, que dedicou máis de dez anos a investigar a vida e a obra de Celso Emilio, está a presentar os deuvedés en diferentes localidades de Galicia e Portugal.