Aurelia Rey: «Esta é a miña familia, se puidera invitábaos a todos a unha cea»

Javier Becerra
J. BECERRA A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

GUSTAVO RIVAS

Insiste en que no irá a ningunha residencia de anciáns

19 feb 2013 . Actualizado a las 14:09 h.

Aurelia Rey aseguraba que nos derradeiros días tiña a certeza de que, no caso de que a intentasen desafiuzar, ía contar co respaldo da cidadanía. De todos os xeitos, non agardaba algo tan masivo como o que se viviu onte. «Non sei como agradecer a toda esta xente o que fixo hoxe por min», dicía no portal unha vez que se disolveu o dispositivo xudicial.

-¿Sorprendida pola reacción da xente?

-Foi algo impresionante. Esta xente sabe que todo son mentiras e liortas e que eu teño todo pago. E podo contar con eles.

-¿Coñecíaos?

-A uns si, pero á maioría non. Agora esta é a miña familia, pódome sentir sempre querida. Se puidera invitábaos a todos a unha boa cea, só polo que fixeron hoxe por min [ri].

-¿E agora que? En calquera momento pode volver o persoal do xulgado.

-Poden, pero non me van a poder botar. Eu non quero ir a ningunha residencia. Teño cartos para pagar o piso que sempre paguei. Aquí fixeron una tramoia comigo.

-Entón, non se vai ir de ningún modo.

-Non, a non ser que me paguen unha indemnización. Entón iría para o meu pobo encantada. Eu agora non teño por que enredar con isto. O que teño que facer é viaxar a Arxentina e ver á miña familia de Uruguai.

-¿Durmirá tranquila hoxe?

-Claro. A min o que me ten intranquila é que me doe unha perna.