Un inesperado engadido onomástico

$tituloImg.$pieImg

23/03/2017 21:42 h

OConcello de Zas conta con catro parroquias nomeadas polo seu haxiotopónimo (nome de lugar orixinado polo nome dun santo ou dunha santa): San Martiño de Meanos, Santo Adrián de Castro, San Cremenzo de Pazos e Santa Sía de Roma. A sorpresa desta última é que a Roma que acompaña o nome da patroa parroquial non é un topónimo propiamente galego, coma outros tres existentes en Galicia (nomes de aldeas en Abadín e en Barbadás, dun castro en Ponteceso), que seica teñen orixe xermánica, senón simplemente un complemento que se lle engadiu á santa titular da parroquia a finais do séc. XVI. Esta é a principal novidade que presentamos, Evaristo Domínguez e mais eu, na nosa colaboración mensual na sección Zas polo miúdo (www.concellodezas.org), onde damos unha explicación máis ampla e tamén falamos do retablo barroco de pedra da igrexa.

Desde o ano 1132 ó 1570, en documentos en latín e mais en galego, a parroquia cítase só co nome da santa a secas (Sancta Caecilia e Santa Cezía). Unicamente aparece nunha ocasión acompañada dun engadido, que non é outro que o indicativo da súa comarca: «Santa Çeçya de Soneyra».

É no último terzo do séc. XVI cando aparece a freguesía nos documentos -xa en castelán- co complemento «de Roma»: Santa Cecilia de Roma (1570), Santa Sía de Roma (1574), Santa Zezilia de Roma (1575), Santa Cía de Roma (1591), Santa Zeçía de Roma (1592). A partir destas datas sempre aparecerá co engadido. Obsérvese, ademais, que a forma reducida e seseante de Santa Sía xa se rexistraba daquela.

Cando e por que se produciu este cambio? A nosa opinión é que este engadido foi ordenado por unha autoridade eclesiástica, seguramente o propio arcebispo de Santiago, o castelán Gaspar de Zúñiga, un dos prelados españois que asistira ó Concilio de Trento (1545-1563), no que se acordara, entre outras cousas, impulsar o culto á Virxe e ós santos.

Arcebispo compostelán

O engadido «de Roma» para Santa Sía coincide no tempo coa substitución de nomes de parroquias considerados feos ou irreverentes (Santa María de Malos, Santa María de Perros -este en Brión- e San Mamed de Canes) por Los Ángeles, nos tres casos: Santa María de Los Ángeles, e San Mamed de Los Ángeles. Para o filólogo Antón Palacio (Universidade de Vigo), foi o arcebispo compostelán citado quen ordenaría estes cambios.

No caso da nosa parroquia nada tivo que ver a estética do nome, pero seguramente o espírito reformista tridentino que traía o arcebispo compostelán levouno a pensar que a freguesía estaba «coxa» con só o nome da santa a secas, sen a compaña dun «apelido» referencial coma as outras. Castelán como era, tampouco lle había de gustar ese xa popular Santa Sía.

Para que non houbese dúbidas de que a patroa formaba parte do santoral católico, ordenaría primeiro restaurar a forma plena (Cecilia, coincidente coa castelá) e logo engadirlle o complemento «de Roma» para que quedase identificada coa mártir romana do século III, a futura patroa da música, pois houbera outras co mesmo nome (unha das africanas). En suma, que esta Roma que acompaña o haxiotopónimo de Santa Sía é a mesmísima cidade de Roma (Italia), daquela capital dos Estados Pontificios.

Votación
20 votos
Comentarios