O segredo está en rodearse de boa xente

MARTÍN VARELA

PONTECESO

Jose Manuel Casal

«Decidín seguir vivindo sen deixar que a miña discapacidade me limitase máis do necesario»

05 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En novembro do pasado ano vin escapar a posibilidade de participar nos Xogos Paralímpicos de Río por causa dunha lesión, e senteime a pensar como se estaba portando a vida comigo.

Póñovos en antecedentes. Con 19 anos tiven un accidente de tráfico no que perdín a miña perna dereita e sufrín lesións internas polas cales estiven cun pé no caixón. Estiven moitos meses recuperándome das secuelas físicas e probablemente nunca me recuperarei de todo das psicolóxicas, porque por moito que queira, a cabeciña de vez en cando faite crer que non hai luz ao final do túnel. Dito isto, considérome unha persoa afortunada, moi feliz e non cambiaría nin un só minuto da miña vida.

Estou moi satisfeito da persoa na que me convertín aos meus 38 anos. O feito de pasar por unha experiencia tan traumática levoume a ver a vida dende unha perspectiva positiva e ensinoume que ter o necesario para vivir dignamente e espertar ao lado das persoas que queres son as cousas verdadeiramente importantes.

Vivo nun dos mellores lugares do mundo, Corme, onde a calidade de vida (coma en toda a Costa da Morte) é inmellorable. Vivir aquí foi parte imprescindible na miña recuperación por moitas cousas. Eses paseos cos amigos á praia do Osmo e ao faro Roncudo nas escapadas da fin de semana do hospital, déronme moita vida. E este fermoso recuncho do mundo tamén me deu o mellor que me pasou na vida, Lorena. Ela, parella e nai exemplar, que sen importarlle os inconvintes presentes e futuros, decidiu compartir a súa vida comigo e axudarme en todas as miñas aventuras. O seu apoio incondicional foi, sen ningunha dúbida, o que fixo que eu alcanzara os meus éxitos como deportista e tamén nas cousas do día a día. Ademais, deume a posibilidade de vivir a mellor experiencia da miña vida por dúas veces. Sabela e Xosé, de 3 anos e 9 meses, son agora os nosos motores. Lorena, o resto da miña familia e amigos, conseguiron que unha vida que non pintaba nada ben, se convertese nunha vida plena, e grazas ao seu apoio e ao de todos os que creron en min, puiden viaxar por medio mundo como deportista e vivir momentos inesquecibles, coñecer xente incrible e medrar como persoa.

O segredo está en rodearse de boa xente á que poidas aportarlle algo ao mesmo tempo que eles che axudan a facer o camiño. O que te fai feliz é o que ti podes dar, non o que recibes. Calquera pode recibir axuda dos demais pero non todos poden aportar, e cando digo aportar, non me refiro a dar nada, a maioría das veces chega con ser coas outras persoas como che gustaría que fosen contigo.

Dende que en 2003 empecei a competir tiven a sorte de poder gañar moitos títulos e recoñecementos, os cales me enchen de orgullo e felicidade. Pero moitos dos meus mellores momentos como deportista foron nos eventos e actividades que fago con outras persoas con diversidade que non tiveron a sorte de saír tan ben parados coma min, e sofren grandes discapacidades que non lles permiten ter unha vida como a maioría de nós.

Conseguir que por unhas horas poidan xogar e practicar deporte coma calquera é algo que me fai medrar como deportista e como persoa. Ver esas caras de felicidade cando xogan, o agradecidos e cariñosos que son, faime ver que moitos deles saben gozar moito máis das pequenas cousas que os considerados válidos. Se son totalmente sincero, creo que me aportan máis eles a min ca eu a eles. Temos moito que aprender dos mal chamados minusválidos.

Un destes rapaces, Javi, fíxome un gran regalo como deportista hai uns meses. Celebrou o seu cumpreanos cunha tarta que levaba como decoración unha foto miña xogando ao tenis. A foto de Javi coa súa tarta e con ese sorriso na cara, víase tan feliz… Fíxome sentir a mesma sensación que teño cando gano un partido importante, esa sensación de satisfacción e de traballo ben feito. É unha honra poder poñer o meu graíño de area para axudarlles a ser felices.

Non me considero máis valente ca ninguén, sinxelamente tiven sorte á hora de ir tomando decisións. Decidín seguir vivindo sen deixar que a miña discapacidade me limitase máis que o estritamente necesario, e aprendín que cun pouco de esforzo e apoio non existen metas imposibles.

Despois de case 20 anos dende que tiven o accidente, e sen desmerecer os primeiros 19 que foron de traca (pero esa é outra historia), na balanza gañan por moito os bos momentos e as boas experiencias. Nos próximos 20, intentarei seguir aportando todo o que poida aos que me rodean e acompañan cada día, e continuar dando visibilidade ás persoas con discapacidade.