Un antes e un despois na historia de Carballo

xan fraga

CARBALLO MUNICIPIO

Quinto de bacharelato do ano 1970/1971
Quinto de bacharelato do ano 1970/1971 ARCHIVO XAN FRAGA

No 50.º aniversario do complexo escolar carballés (Instituto Alfredo Brañas e Escola Fogar) | Escribe Xan Fraga

01 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A pregunta fundamental que hai que facerse neste 50.º aniversario do complexo escolar carballés (Instituto Alfredo Brañas e Escola Fogar) é como foi posible que tardara tanto en chegar. Non só para Carballo, para todo Bergantiños e Costa da Morte. Máis de 150.000 habitantes sen un instituto. A educación en Carballo nestes anos do franquismo até 1970 estaba moi mal dotada tanto en infraestruturas escolares como profesorado. O primeiro edificio público escolar en Carballo foi a Escola do Xardín e a de Arrabaldes no Campo da Feira (1929). Cartos públicos e doazón do filántropo e médico Desiderio Varela. Era difícil para a maioría da poboación poder acceder a estudos básicos e xa non digamos medios ou superiores. Varias xeracións non puideron estudar por falta de recursos. Quen podía levar os seus fillos estudar a Coruña, Santiago ou Vigo? É verdade que algúns puideron ir aos Salesianos, Maristas, colexio Decquidt, Escola de Comercio, Escola Normal, Universidade Laboral... na Coruña; Peleteiro, Seminario ou Universidade, en Santiago; Peritos en Lugo, enxeñerías varias en Vigo… mais eran estatisticamente moi, moi poucos.

En Carballo había, ademais de varias escolas privadas na primaria, a Academia Colexio Leus que estivo na rúa Vázquez de Parga desde 1949-50 na chamada casa de Pedro Abelenda e despois, 1959-60, na rúa Álvarez de Sotomayor, e que ofertaba tanto primaria como secundaria. Era moi represiva e ditatorial. Tamén se podía estudar na Academia Esteco (Estudos Técnicos Comerciais) creada por Ricardo Suárez, que estivo en diversos lugares, desde a Casa de Feijóo na rúa Fomento até o chalé de Pazos na rúa do Río, antiga rúa Macelo. Outra opción para algúns foi a de estudar na preceptoría de Sofán para ir logo ao Seminario compostelán.

En agosto de 1970 foi inaugurado todo o Complexo Escolar polo ministro de Educación Villar Palasí e coa presenza do director xeral de Educación Primaria Eugenio López, o alcalde Jacinto Amigo Lera e outras autoridades. Constaba, ademais do instituto, do Colexio Fogar con planta baixa e dous andares (2900 m2); de campo de fútbol (11.200 m2); campo de baloncesto (4.160 m2); Frontón (460 m2); zona de recreo e xardíns (4.100 m2). Total do conxunto: 22.820 m2. No primeiro trimestre do curso inaugural 1970-71, a Escola Fogar tamén recibiu ao alumnado do instituto de bacharelato, pois a este aínda lle quedaban diversos espazos e mobiliario para rematar, por problemas económicos da empresa concesionaria.

Bacharelato, COU, PREU

A lei de educación de 1938, do ministro Pedro Sáinz Rodríguez, liquidaba toda a lexislación progresista republicana. Establecía un bacharelato de sete anos, cun exame final de Estado. Isto foi así até a reforma do ministro Ruíz Giménez (1951-1956), quen en 1953 aproba unha nova lei de educación que para a secundaria implanta un bacharelato dividido en dous. Un bacharelato elemental con catro cursos e unha reválida e un bacharelato superior de dous cursos (5º e 6º) e reválida e, finalmente, un Curso Preuniversitario (PREU). Este Plan estivo en vigor até a nova Lei de Educación xa citada de Villar Palasí de 1970. Ano no que o ministro de Educación inaugura en Carballo todo o complexo escolar: Colexio Fogar e instituto. A nova lei implanta os oito cursos de Educación Xeral Básica (EXB) dos 6 até os 14 anos; tres cursos de Bacharelato Unificado Polivalente (BUP) e, por último, un Curso de Orientación Universitaria (COU). O curso 1970-71 será o último con PREU, que algúns alumnos fixeron no Colexio Leus de Carballo e no 1971-72 o primeiro con COU que se podía facer tanto na Leus como no instituto. O último COU, con motivo das novas lexislacións educativas, tivo lugar no 2000-2001. Equivale na actualidade a segundo de bacharelato.

Un fito fundamental

O Colexio Fogar, EXB, que tivo como primeiro director ao profesor Manuel Varela Siaba e scomo ecretario a Jesús Gil Nécega, constaba de 32 seccións ou graos, que logo se ampliou a 36, tiña servizo de comedor, internado con 300 prazas, dirixido por Santiago Loureiro, e transporte. Comezaron sobre 50 mestres e preto de 1500 alumnos. A antiga Agrupación Escolar de Carballo, con catro unidades, integrase no Colexio Fogar e tamén algunhas escolas das parroquias.

O instituto, proxecto do arquitecto Antonio Román, tivo como primeiro director a Constantino Freire Llamas; subdirector a José Manuel Vázquez Varela; xefa de Estudos a Marí Luz Castaño Fernández e secretario Ja osé Villasuso Gato. O primeiro claustro era de 16 profesores.

En definitiva podemos dicir con claridade que a chegada do instituto e Colexio Fogar no 1970-71 foi unha liberación. Foi unha innovación tanto pola formación do profesorado, en xeral cun novo talante progresista, humanista, así como pola metodoloxía que incluía unha maior democratización do ensino. No caso do instituto contábase ademais cun salón de actos maxestoso onde se realizaban moitas actividades educativas e culturais moi novidosas para o momento. Sen dúbida un antes e un despois na historia de Carballo. Un dos seus fitos fundamentais.