As orixes do fútbol nos concellos de Bergantiños

CHEMA REY LEMA

CARBALLO

Archivo Chema Rey Lema

Unha viaxe aos anos vinte do século pasado e a equipos, e campos, pioneiros

16 sep 2023 . Actualizado a las 23:17 h.

O primeiro lugar no que se disputou un partido de fútbol na comarca bergantiñá seguramente fose Carballo. Xan Fraga, na súa historia do Bergantiños FC, fala da existencia na década de 1910 de distintos clubs como o Español, Fortuna, Hércules, Amistad Obrera, Huracán ou Galicia, algúns dos cales continuaron na década seguinte. Pero o punto de inflexión veu en 1923, cando se funda o Bergantiños FC. O primeiro partido do club presidido por Luciano Regueiro do que temos noticia pola prensa tivo lugar en xuño de 1924, disputado no campo da Agra de Caldas (detrás da antiga casa do concello) e foi ante outro club local, o Racing Carballés, con vitoria destes por 2-4. Foron varios os encontros que atopamos neste ano do club bergantiñán, pero non vai ser ata o 20 de xaneiro de 1925 cando o Bergantiños se inscriba oficialmente no Goberno Civil da Coruña, ao tempo que se apuraban as obras do novo campo de fútbol.

Estívose traballando todo o inverno para poñer en condicións un terreo na zona das Pedras Brancas e para o San Xoán dese ano púidose inaugurar nun partido ante o Corcubión (6-0). A dicir das crónicas, a inauguración foi precipitada, pois o campo non estaba aínda en condicións: «Un campo recientemente roturado, lleno de tierra negra, que debía estrenarse, no ahora, sino dentro de unos meses. Pero los vecinos de Carballo, impacientes, quisieron estranarlo hoy, aun a trueque de salir negros del campo». Nas filas do cadro carballés aliñábanse nesta década os Caamaño, Astray, Labarta, os «uruguaios» Tasende, Pereira, Baldomero e Genaro Varela, Castor Monteagudo, Manuel García, Fraga, Perdigón... Ata 1929 xogou bastantes partidos con equipos da Costa, como Junquera ou Porteño, ou da Coruña, producíndose despois un parón que se retomaría coa presidencia de Luis Gayoso, xa andando a II República, aínda que o club non competiría oficialmente ata 1947.

Como xa vimos na vila carballesa había outros clubs, algúns clásicos como o Galicia ou o Amistad Obrera, que xa naceran na década anterior, pero a mediados dos anos vinte os outros grandes equipos de Carballo eran o Español FC e o Huracán FC, que tiñan gran rivalidade. Na época republicana creouse un curioso Once Leones Rojos, que debeu ter escasa vida, ao contrario que o máis lonxevo Carballo FC, que disputou moitos encontros dende 1932.

Archivo Chema Rey Lema

Coristanco, Malpica e Ponteceso

Non imos considerar os clubs do concello da Laracha por se apartaren un pouco do fútbol costeiro, e do concello de Coristanco tan só atopamos un efémero Racing Escolar, que en 1925 inaugura o seu campo xogando contra o Bergantiños. No concello de Malpica o primeiro equipo que atopamos é o Buño FC (por veces chamado Deportivo Buño), que compite durante dez anos dende 1925. En xullo deste ano inaugura o seu campo de Xaviña e nel van xogar os Poli, Hoces, Prendergas, Millas, Conde, Diana, Varela, Añón ou Labrador. Na capital municipal temos en 1927 a fundación do Galaico Malpicano, pero ao ano seguinte xa atopamos no seu lugar o Malpica FC, que disputou varios partidos ata 1930, sen que coñezamos máis partidos nin clubs desta vila nos seguintes anos. O 20 de febreiro de 1928 inaugúrase o campo de Cancela de Areas, coa presenza de máis de mil persoas, para ver as habelencias dos Chouciño, Rojo, Rogelio, J. e L. Villar, M. e T. Cacharrón, R. González, Juanito, Sayáns; J., L. e R. Reyes; J. e P. Pombo, Abella, Delgado, Pet...

Non nos pode sorprender que o primeiro partido que se coñece no concello de Ponteceso sexa un derbi entre o Corme FC e o Ponteceso FC, xogado o 1 de setembro de 1924. Parece que o club cormelán, que gañou 3-1, era unha sección da puxante asociación Unión Vecinal, e de feito cando en febreiro de 1928 se aproben os seus estatutos e se inscriba no rexistro do Goberno Civil da Coruña -o segundo club bergantiñán en facelo- vai figurar co nome de Unión Deportiva de Corme, club que contaba co campo das Forcadas como terreo de xogo.

Durante estes anos temos noticia de varios partidos xogados sobre todo contra equipos de Malpica, Laxe, Neaño ou Ponteceso, cos que xa daquela había piques que incluso motivaron a suspensión dun encontro. Foron algúns xogadores cormeláns Manuel Varela, os Francisco, Jesús e Alfonso Lista, Facal, Cousillas, Lema, Centeno, Bello, Leluco ou Pepe Mosqueira. Na capital municipal temos, ademais do Ponteceso FC, outros clubs nestes anos vinte, que se cadra eran o mesmo rebautizado, pois dependendo do correspondente do xornal nun mesmo partido aparecía cun nome ou con outro, pero o caso é que temos o Victoria FC e o Hispania FC. Na época da IIa República xa aparece sempre o Ponteceso FC, con numerosos encontros, e neste momento tamén vemos clubs nas distintas parroquias e así temos o Anllóns FC, Lestimoño FC ou Tella FC, que xogaron nos veráns de 1934 e 1935 partidos entre eles.

Cabana e Laxe

Aínda que foron moitos os que xogaron nos equipos da capital municipal, podemos destacar aos Alvarellos, Anido, Romero, Formoso, Castañón, Martínez, Ernesto, Varela, Lelo, Caamaño, Vidal, Ordóñez, Lilles, Alfonso, Beracochea, Longa, Mato, Pibe... Os equipos pontecesáns xogaban tamén cos veciños de Cabana, en concreto cos da parroquia de Cesullas, onde temos o equipo do Neaño FC e, esporadicamente, o Once Diablos, que xogaban no campo de Laíño. Foron xogadores cabaneses Simón, Roxido, Ciriano, Castrecho, Sopeiro, Presiña, Charrino, Benigno ou Mayolo.

Por último, temos que falar do fútbol no concello de Laxe, onde se anuncia no verán de 1928 a constitución do Laxe FC, aínda que en 1931 atopemos a denominación Unión Deportiva (ás veces co apelido Lagesa) e en 1934 a de Sport Club, para volver ao ano seguinte co nome inicial. En 1935 a prensa coruñesa faise eco dun curioso club creado aquí co nome de «Arrecifes de la Costa Brava», do que non temos máis información. Os rivais dos equipos de Laxe procedían de Ponteceso, Buño, Neaño, A Ponte do Porto, Carballo ou A Coruña.

Traxedia solidariedade

O campo do Lago e despois o das Cairoas eran os terreos de xogo. Membros dos equipos laxenses eran os Romero, os Vidal, Martí, Carracedo, Tapico, Carreira, Leis, Cereijo, García, Arturo, Pose, Correa, Lilito, Chico ou o infortunado José Cadavid, que faleceu dun ataque cardíaco xogando un partido en 1934. Isto motivou que se disputase un encontro para recadar fondos para a nai do xogador contra o Ponteceso, que colaborou coa confección artesanal dunha coroa de flores para depositar na tumba. Como vemos, xa daquela a solidariedade ante a desgraza era un sinal de identidade do fútbol costeiro, como así segue sendo.