José Luis Pérez: «Queremos destinar as casas dos mestres baleiras a aluguer social»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

Los Nuevos Alcaldes | Es regidor en Laxe desde el 2019, aunque su aventura política comenzó en Santa Comba hace ya más de 40 años

28 jun 2023 . Actualizado a las 18:56 h.

José Luis Pérez Añón cumprirá 66 anos en agosto «se é que chegamos aló». Xubilouse o pasado ano como practicante no centro de saúde laxense. A súa outra gran paixón é a política. Con 23 anos comezou na primeira liña en Santa Comba. Tamén foi concelleiro en Curtis e despois trasladouse a Laxe onde se consolidou: primeiro como edil do PP e dende 2019 como alcalde da localidade, cargo que vén de renovar despois de acadar unha nova maioría absoluta. José Luis Pérez Añón rematou con vinte anos de goberno socialista presididos, respectivamente, por Antón Carracedo Sacedón e do malogrado José Manuel Mouzo Castiñeira.

—Bota de menos o seu traballo na sanidade?

—Pois se lle digo a verdade, non. Non por nada, senón porque este traballo de alcalde tampouco me deixa moito tempo para botar en falla outras cousas pasadas da miña vida.

—Vén de reeditar a maioría absoluta, pero tamén mostrou a súa preocupación pola perda de 201 votos con respecto a hai catro anos.

—Cando obtés un bo resultado, pero perdes votos ou non acadas os que ti esperabas, algo falla ou algo fixeches mal.

—Teme que esta perda de apoios sexa o principio da perda da maioría absoluta en 2027?

—Non o vexo así. Máis ben como unha forma de dicir que nos poñamos as pilas. Que en termos xerais se fixeron ben as cousas, pero que temos que mellorar. Interprétoo máis como un aviso que como un castigo.

—É como pensa reverter esa situación?

—Unha vez que pase este tempo de organizar o traballo e de poñer en marcha o novo goberno tocará repasar o acontecido nos últimos catro anos. Analizar o que se fixo mal e tratar de non repetir eses erros. Pero tamén hai que facer unha valoración positiva porque logramos manter a maioría absoluta en Laxe. Con ese respaldo trataremos de emendar eses erros.

—Que lle di esa análise persoal?

—Que gañamos, pero perdemos votos, sobre todo en Laxe. Non foi algo grave, pero que hai que analizalo ben cos compañeiros. Nas anteriores eleccións tivemos moito voto prestado do PSOE. É certo que mantivemos parte dese voto prestado, pero o resto foi para o BNG e Unidas Podemos.

—A caída do PSOE foi histórica, un partido que gobernou durante vinte anos en Laxe.

—Si, pero esa análise teñen que facela dentro do propio PSOE.

Ana García

—Aumentou o BNG e entrou en escena Unidas Podemos.

—A chegada de Unidas Podemos si que se pode cualificar de sorpresa, aínda que para min non o foi tanto. Presentábanse por primeira vez en Laxe e acadaron representación municipal coa súa propia marca, Unidas Podemos.

—Xa ten perfilado o seu novo goberno?

—Si. Francisco Charlín levará Deportes, Mar e a representación ante os colexios. Raquel Lema terá Comercio, Turismo, Hostalería, Cultura e Protección Civil. Sandra Mouzo farase cargo de Servizos Sociais, Igualdade e Emprego, e Daniel Mata, Festas, Medio Ambiente e Xuventude.

—Dedicacións?

—Eulogio Constantino Castiñeira terá unha dedicación exclusiva porque levará Obras, Servizos, Persoal e Praias. E o resto estase a estudar.

—Os soldos?

—Aínda os temos que analizar, non están decididos aínda.

—Cales son os principais eixos de traballo para o vindeiro mandato?

—Son tres principalmente. Mellorar e ampliar o saneamento e traída e facer o mesmo coa rede viaria por todo o Concello, priorizando Traba e Serantes. Dotar ao municipio de máis sendas peonís, como a que unirá Serantes con Soesto, e revisar o Plan Xeral porque o actual, que entrou en vigor en 2003, faille falta unha actualización porque temos dificultades para crecer, sobre todo no entorno da rúa Campo. Tamén temos que buscar unha solución definitiva ao tema do Campo do Escaravello. Entre as prioridades está a de apoiar á confraría en todo aquilo que precise.

—Que vai facer coas casas dos mestres?

—Solicitamos á Xunta a desafectación de todas aquelas que non estean ocupadas, que na actualidade son dúas ou tres. O obxectivo é dedicalas a aluguer social.

«Gústame moito a política, na que levo máis de 40 anos. Hai quen di que son masoquista» 

José Luis Pérez Añón tamén analizou o seu futuro persoal no eido da política.

—Será este o seu último mandato ao fronte do Concello de Laxe?

—[Ri]. Pois non o sei, nunca se sabe. Se me atopo ben e o partido quere, por que non?

Ana García

—Pero que lle di o cardiólogo [sufriu un infarto de miocardio grave durante o anterior mandato]?

—Díxome que estivera tranquilo, que vivira tranquilo. Que non me agobiara nin me estresara.

—Pero iso é incompatible con ser alcalde.

—Xa [ri]. O que me comentou é que me relaxara, que descansara, que procurara tomar as cousas con calma e iso é o que intento cada día. O médico dime que delegue, e eu respóndolle sempre que son o alcalde e que iso delegar é complicado dependendo do tema e das circunstancias. Non sempre se pode delegar nun compañeiro. Non porque non poida facer ese traballo, senón porque son competencias de alcaldía.

—Interpreto nestas respostas que, en principio, gustaríalle continuar na política municipal máis aló de 2027.

—Si, por que non. A política encántanme. Hai xente que me di que son masoquista, pero si que me gusta, porque senón non levaría na política máis de corenta anos. Pero tamén hai que ver como me atopo dentro de catro anos, as miñas ansias por continuar, que pensa a miña familia, o que pensa o partido, os compañeiros... Hai moitos factores a analizar porque un tamén co paso do tempo reclama algo máis de tranquilidade, non estar tanto na primeira liña. Pasas por momentos complicados, nos que te preguntas que fas metido na política, pero tamén teño que dicir que a política deume tamén moitos momentos de satisfacción. Ao final valoras todo e decides. Pero tal e como me atopo hoxe a miña idea é continuar na política.

—Cales son os peores momentos?

—Cando queres botar unha man a un veciño que che pide axuda nun momento puntual e non lla podes botar porque é un tema que non depende do Concello, que se escapa da túas competencias como alcalde, que depende doutras Administracións. O meu problema é que son unha persoa moi aprehensiva. Con calquera cousa que ocorre, preocúpome e non descanso ben. Debería tomarme as cousas con máis calma, pero agora con 65 anos que teño, case 66, dubido moito que vaia cambiar. 

 

Vai co Cargo, máis de cerca

—Ten fillos?

—Dous: Rafael, de 36 anos, e Rocío, de 32. E teño unha neta de tres meses e medio, Rosalía.

—Quen foi a primeira persoa que o felicitou?

—Os meus compañeiros, tanto do meu partido como do resto de partidos da corporación.

—Quen foi a primeira persoa que o chamou por teléfono trala investidura?

—Non me lembro, a verdade.

—Tivo tempo de contestar todos os wasaps?

—Contesteinos todos pouco a pouco. Recibín 72-73. Un dos primeiros foi de Belén do Campo [directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias de Medio Rural].

—Vai cambiar algo do seu despacho?

—Algo de mobiliario para reorganizar un pouco o despacho.

—Como leva a axenda de traballo?

—Pois empezamos as xuntanzas de traballo para decidir o organigrama, os soldos... Todo o que supón o traballo diario dun goberno municipal.

—Xa concertou algunha entrevista na Xunta?

—Solicitarei unha con Educación, ao través do conselleiro Román Rodríguez, co que falei persoalmente, para abordar as necesidades e melloras dos centros de Laxe. E tamén coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, polo tema das sendas peonís.

—Que formación académica ten?

—Son enfermeiro de profesión.

—Este verán terá tempo para unhas vacacións?

—Non teño pensado, porque o traballo en verán en Laxe multiplícase pola afluencia de turistas. Xullo e agosto quedan descartados para coller vacacións, imposible.

—Vai manter o seu vestiario ou vai cambiar algo?

—Non vou cambiar. Levo uns doce anos vestindo máis de sport despois de deixar a un lado o traxe. Estou así cómodo. Se o protocolo o require, irei de traxe, senón, irei como vou agora.