«O que me gusta é a traxedia grega»

Yolanda García Ramos
YOLANDA GARCÍA VIVEIRO / LA VOZ

CARBALLO

José Manuel Casal

Na memoria das xentes da Costa da Morte, segue a ser o Melgacho de «Mareas Vivas»

02 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A comunidade educativa da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia concedeulle recentemente ao valadourense Manuel Lourenzo -actor, director de escena, dramaturgo, mestre e investigador- a mención Profesor Honoris Causa.

-Cantos anos ten agora?

-Teño 73. En abril cumpro 74.

-Está a punto, logo.

-De guiñala... ¡nin falar!

-Agardo que teñamos Manuel Lourenzo para rato...

-Exactamente. Xa digo, se me deixan... se non, tamén.

-Que foi o mellor á hora de recibir esta mención en Vigo?

-O mellor foron os abrazos, os saúdos e os bicos porque coñezo a moita xente alí. Atopei xente que foran alumnas miñas, algúns profesores cos que traballei... ¡Uf! moitos amigos. Entón, paseino moi ben. Foi un encontro fabuloso. Tiña menos de 5 minutos para agradecer as cousas, pero como lles facía graza o que dicía, ao final extendinme máis tempo. Despois viñeron cousas inevitables coma os selfies...

-Vostede, creo, segue sen móbil nin ordenador nin coche. Diriamos que é coma a «resistencia»...

-O outro día comentoume un señor fotógrafo que lle dixeran ‘¿quen serán eses dous homes que non paran de falar pola rúa?’. Iamos eu e outro compoñendo e descompoñendo o mundo. Hoxe, de feito, tocounos ensaiar cedo e ao voltar para a casa saíronnos dous espectáculos, de tanto falar. O dono dunha sala xa nos colleu.

-Dous mozos iríanse «whatsappeando» hoxe en día...

-Exactamente.

-Que buscou sempre no seu oficio de profesor?

-Que aparezan cousas, non necesariamente novas, poñer algo de luz ao camiño, sobre todo no caso da interpretación. O que me preocupa é que a xente que vai dedicarse a iso é ela a que crea o espazo. É distinto que apareza un actor que un político. No caso dun actor, coa súa actitude, podemos saber se vai frío ou calor, se está nun interior ou no exterior. Pode dar un montón de datos.

-Interpretar non é nada fácil.

-Hai que traballar todos os días, preparar o corpo e a voz e practicar moito, personaxes, contrastes, sensibilización, reflexos...

-Cal foi o seu papel máis difícil?

-Quizás un recente, non porque fose complicado en si, senón porque en todas as esceas eu «estaba farto»... Estaba baseado nunha crónica sobre Hamlet.

-Bueno, os tempos de hoxe están como para sentirse «farto» de todo e continuamente, non?

-Ás veces fago improvisacións para rirme e pasalo ben, no meu entorno. Hoxe, iámonos escarallando de risa paseando pero realmente o que a min me gusta é a traxedia grega, transmitida non coa linguaxe de hoxe senón próxima, que se entenda todo. Aí está todo: Cunqueiro, Shakespeare, Rosalía... Simplemente, hai que preparar todos eses textos pero tamén sen perder a referencia. É unha antigüidade que nos honra porque axuda a enfrontármonos a todos os problemas que lle suceden ao ser humano. Tamén moitas veces vou ver a novos autores e tamén hai que ler moito teatro.

-Fala dos novos. Eles son o relevo.

-¡E aínda os que non estamos mortos! A ver quen me pisa a min os pés (ri)... Mentres esteamos vivos, escribimos e facemos teatro. Penso que hai que dedicarse con corpo e alma ao que che gusta.

-Cal foi a última obra que presenciou como espectador?

-A ver se foi en Santiago, Madrid ou A Coruña (pensa)... A última creo que foi de Teatro do Atlántico sobre Helena de Troya. Bueno, non sei se esa ou a dunha compañía madrileña que tiña entre os actores a Verónica Forqué e a Martiño Rivas.

-Agora, a agardar outro recoñecemento merecido. Gustaríalle ter algún galardón en particular?

-Teño varios xa nunhas vitrinas na aldea (fala de Ferreira) para que estean uns cos outros... levándose ben. Están en bo sitio.