No rural tamén existen oportunidades

Adolfo López Baña

CARBALLO

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As dificultades no emprego para as persoas que sofren diversidade funcional no medio rural teñen a súa orixe nas complicacións que xorden, xa na educación obrigatoria e, posteriormente, na formación profesional, debido, entre outras cuestións, á falta de visualización do problema. Nós como entidade podemos dicir que se están cubrindo estas expectativas de formación e emprego, aínda que queda moito por andar. Teriamos que facer incidencia nas persoas gravemente afectadas e cubrir as súas necesidades básicas para que se poidan incorporar ao mercado laboral. Tampouco serve de nada que consigamos traballo para estes colectivos, se logo non teñen un servizo básico como o do transporte que lles facilite os desprazamentos.

As Administracións, sexa a autonómica, provincial, local, ou a iniciativa privada, deben apostar en certos sectores que xeren emprego, por crer en empresas creadas polas entidades sociais, onde o obxectivo principal é a inclusión laboral dun colectivo, que ten moi difícil acceder ao mercado laboral, e non apostar polos grupos privados, que o único que buscan é lucro persoal. Despois, no medio rural as persoas teñen menos formación académica e profesional. Son moitas as que pasan pola entidade en busca de emprego, pero cando se lles propón unha formación para outras categorías profesionais, que consideramos acorde coa súa discapacidade, a negativa é o máis común: «Non vou ir estudar agora á miña idade» cando un novo emprego, na maioría dos casos, pasa por unha reciclaxe profesional.

No medio rural, cada día hai máis empresas con menos de 50 traballadores que contratan voluntariamente a estes colectivos, ben porque queren, ben polas deducións fiscais, a persoas con discapacidade, antes que outras compañías de máis de 50 traballadores, máis remisas a cumprir as medidas alternativas.

Un dos obxectivos estratéxicos da asociación Integro é a creación de emprego para persoas con diversidade funcional. Por iso, no ano 2013, e despois dunha longa análise da zona, decidimos apostar pola creación dunha empresa de economía social (+Porvir Xestion Social, S.?L.?U.) na que tentamos xerar alianzas con institucións publicas e privadas para fomentar a responsabilidade social, creando oportunidades de emprego para profesionais cualificados con discapacidade. Empezamos con tres traballadores. Na actualidade son sete. Deste xeito acadamos de maneira conxunta, rendementos sociais máis alá dos rendementos económicos. E estamos empeñados niso. Claro que nos custa moito máis esforzo, sobre todo se o comparamos co eido urbano. Por iso, as entidades locais deben apostar por empresas de aquí, que cotizan aquí, con traballadores de aquí, que consumen aquí. Se hai inclusión laboral, hai inclusión económica e social.

Emprender no eido rural, como ocorre na Costa da Morte é posible se hai ganas, ideas e apostando por iniciativas dende onde un desexa vivir. Tamén é unha alternativa natural para cada vez máis emprendedores. Máis aló de actividades tradicionais e xa consolidadas, como o turismo ou a agricultura, tamén emerxen outro tipo de negocios con propostas innovadoras. Para fixar poboación a mellor ferramenta é inclusión laboral, por iso, entre todos, debemos manter un mundo rural vivo.