Costa do Solpor, nova ruta literaria pola Costa da Morte

CARBALLO

CEDIDA

O roteiro, elaborado polo escritor Xosé María Lema, autor da novela homónima, xa está dispoñible na web da AELG

17 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Costa da Morte préstase ben a percorrela e tamén, como ben é sabido, serve de inspiración literaria. Ambas cousas están unidas na ruta literaria Costa do Solpor que vén de publicar a web da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e que se suma a tres roteiros da zona xa existentes nesta páxina: a Ruta Pondaliana, de Miguel Ferreiro; Costa da Morte, de F. Fernández Naval; e Fisterra, de Modesto Fraga. Este novo percorrido debe o seu nome á novela homónima do escritor vimiancés Xosé María Lema, que tamén é o autor do roteiro, por encargo da AELG. A ruta consta de 39 páxinas, distribuídas nunha sinopse introdutoria (5 páxinas); unha primeira parte que inclúe o percorrido polos escenarios reais da Costa da Morte (26 páxinas); e unha segunda, por fóra da comarca (6 páxinas). O texto leva como acompañamento sesenta ilustracións, a maior parte imaxes deses recunchos naturais da zona (50).

D?A Illa do Tesouro á Costa do Solpor é o título da sinopse, pois sintetiza dous detalles contidos no derradeiro capítulo da novela de R. L. Stevenson e que, segundo o autor de Costa do Solpor, deixaron a porta aberta a unha continuación da aventura, que vén sendo o que se conta na súa obra, a volta da illa do tesouro: Costa do Solpor empeza onde acaba a obra de Stevenson.

A primeira parte da ruta é a fundamental, dado que transcorre polos principais escenarios da novela pola Costa da Morte, situados basicamente nos concellos de Fisterra, Muxía e Camariñas, con incursións breves en Vimianzo e Cee. Por tanto, sería unha ruta para facer en autobús ou coche, aínda que dentro habería tramos de varios quilómetros para facer a pé.

O punto de partida é Vimianzo, coa súa fortaleza. De aí nace a viaxe, que inclúe doce paradas. A primeira, nas ruínas do pazo de Boallo (Berdoias), que na época na que está ambientada a narración estaba habitado polo fidalgo Rodrigo Sancho de Leis e a súa familia, algúns dos personaxes reais da novela. A segunda, terceira e cuarta son xa na vila de Fisterra e no seu cabo; a quinta, en Corcubión; a sexta, sétima, oitava e novena, en Muxía (casa do Crego Sabio, furna da Buserana...); e, finalmente, a décima, undécima e a número 12, en Camariñas (recoméndase facer a ruta a pé entre o cabo Vilán e Santa Mariña).

Cada unha das paradas vén referenciada na ruta co capítulo e a páxina correspondente na novela. Pode accederse a ela en www.aelg.gal/o territorio do/a escritor/a/espazos literarios/ ruta Costa do Solpor.