Eran tempos polo entroido

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

29 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ollo, que chegan o entroido transgresor e mailos cocidos. Grelos e pernil a eito, orellas, chulas e filloas, a poder ser da pedra, desas que semellan encaixe de Camariñas, como dicía o mestre Cunqueiro. Son impagables esas sabas feitas cun bo amoado tradicional de fariña, ovos e auga, e aínda quentiñas. Poden ser a perdición dun bo larpeiro. Este tempo de carnal non deixa de ser tamén transgresor dende o punto de vista gastronómico e dietético: graxa e triglicéridos sen compaixón. E se son da man dunha boa avoa, mellor. A xente nova non ten man nin para as filloas, nin para as orellas nin para todas eses manxares que precisan o peso da tradición, do saber de vello.

En Fisterra, onde celebran o entroido máis auténtico da bisbarra xunto con Malpica, van resucitar este ano a Queima do Polbo, esa celebración que naceu pola dor que trouxo o Cason. Dicían nos días posteriores a aquela desgraza que alguén pescara un polbo verde nas inmediacións da praia do Rostro. A versión que corría era que o pobre cefalópodo se volvera desa cor pola contaminación química procedente do buque de bandeira panameña. A comitiva ten levado centos de persoas ata que aquel bicho grande, despois de dar varias voltas enriba dun tractor polas rúas fisterrás mentres cantaban ladaíñas inesquecibles, acababa feito cinza. Non lle envexaba en ledicia e diversión o Enterro da sardiña, do Fogar do Xubilado, tan ben dirixido por Manuel Traba. Eran tempos.