«Ter soños por cumprir é unha razón para vivir»

Paula G. Mosquera / m. r.

CARBALLO

A escritora carballesa presentou esta semana no Faro Vilán o seu poemario «Ningún amante sabe conducir»

17 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A poetisa carballesa e muxiá, Rosalía Fernández Rial, presentou este xoves o seu poemario Ningún amante sabe conducir no Faro Vilán de Camariñas rodeada das pezas da exposición de pintura e escultura Son do Mar e coa colaboración dos seus autores, José Garrido e Yano Yoro, que realizaron unha pequena performance inspirada neses versos.

-¿Quen foi Ramón Caamaño?

-Un fotógrafo muxián moi significativo para Galicia, pero tamén máis alá.

-¿Verbena ou foliada?

-Depende da verbena e depende da foliada, pero as dúas cousas, ¿por que non?

-¿A que dolmen lle chaman a catedral do megalítico?

-Dombate.

-¿Cando foi o último faro que se construíu en Galicia?

-Punta Nariga.

-¿Cal foi a última vez que puxo unha lavadora?

-Hai unha semana.

-¿Un defecto?

-Bastantes. Por elixir un... son un pouco dubitativa.

-¿Cal é o punto máis occidental de Galicia?

-Touriñán, que é un dos meus sitios favoritos na zona.

-¿Que poeta andaluz lle dedicou un poema á Barca?

- Lorca, ¡claro! Un dos meus poetas favoritos tamén.

-¿De que castelo foi dono Rui Soga Mariño de Lobeira?

-Vimianzo.

-¿En que lle gusta pasar o tempo nas vacacións?

-Sobre todo cos amigos, escribindo e tamén nas festas.

-¿Cantos anos ten Avelina Mouzo, a avoa da Costa da Morte?

-Sei que ten máis de 100 e seguramente máis de 105.

-Un soño por cumprir.

-Moitos. Ter soños por cumprir é unha razón para vivir, así que os vou acumulando continuamente. Tamén teño soños colectivos, como que a cultura impere un pouco máis, que a xente aspire a ela e que aprecie as demostracións culturais, e sobre todo que haxa máis traballo neste sector.

-¿Onde está o pazo de Romelle?

-Sóname que está na terra de Soneira, en Zas creo.

-¿Praia téxtil ou nudista?

-Depende das circunstancias, eu adoito ir á téxtil pero se cadra por que non vou ir á nudista. Quédome coas dúas, igual que coa verbena e a foliada.

-¿Onde naceu o almirante Mourelle?

-Laxe ou Corme... se teño que dicir un... Corme.

-¿Onde prefire rematar o Camiño? ¿En Fisterra ou en Muxía?

-Isto é un compromiso... Eu son de Muxía, así que persoalmente creo que acabaría en Muxía porque é onde está a miña casa e a miña xente.