«É moi emocionante facer un libro que fale da túa terra»

CARBALLO

Modesto Fraga afirma que para el «Fisterra é un sentimento» máis que un lugar de orixe.
Modesto Fraga afirma que para el «Fisterra é un sentimento» máis que un lugar de orixe.

El autor de «Fisterra» presentará su nueva obra en Semana Santa

16 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

«Vir ao mundo en Fisterra non é comparable a nacer noutro lugar. É coma ser o único espermatozoide que chega ao óvulo, pero por partida dobre». Quen fai esta comparación é Modesto Fraga, escritor e, actualmente, tamén libreiro, nacido no que durante tanto tempo foi o límite do mundo coñecido. E que mellor xeito de render tributo ao lugar cun libro. Fisterra, a derradeira perla de occidente é a obra coa que Fraga se mergulla na prosa despois dunha traxectoria ligada case sempre á poesía. «Era unha tarefa pendente, xa que pouco máis fixera que algún relato curto. Creo que ao final resultou un libro útil e divulgativo que vai axudar a comprender un pouco máis Fisterra», afirma. Un traballo que «é unha mestura de ensaio, guía turística, biografías e moitos outros xéneros», segundo explica.

Hai historias sobre personaxes coma o capitán Traba, poeta e mariñeiro, ou as de Jurjo e Chanquete, os dous fisterráns que lle puxeron cara á emigración na mítica fotografía de Manuel Ferrol. Ou unha detallada descrición das particularidades da fala fisterrá coma o enxordecemento (palancre, lonqueirón).

«É bo escribir para dentro»

«Pretendo recoller o que somos nós. É bo escribir de nós, cara adentro, e non só de Fisterra cara o resto do mundo», explica o autor. «O mundo falou de nós dende a Antigüidade. Xente coma Ptolomeo ou Plinio xa percibía que aquí había algo especial», lembra. Aínda que a obra xa está lista, Modesto Fraga quere agardar á Semana Santa (19 de abril) para presentala na súa vila natal. «Vou agardar á presentación para comezar a distribuíla, pero hai moita xente que xa me está pedindo exemplares». Estes días, non deixa de asinar e enviar os primeiros volumes aos amigos.

Este libro non é o único que Fraga terá nas librarías nas vindeiras datas. Está tamén a punto de publicarse o libro que recompila os poemas gañadores do certame sobre os faros da Costa da Morte, no que o fisterrán acadou o primeiro premio.

Todo isto sen descoidar a súa libraría, Á lus do candil, que abriu en xuño de 2012 en Arteixo. Unha aposta por unha libraría próxima ao público. «Hoxe non podes limitarte a ter os libros colocados nos estantes. Hai que traer á xente», afirma Fraga.

Con este novo traballo, a faceta creativa quedou un pouco aparcada. «Creo que a produción literaria ten que ir con calma, e agora non teño o tempo suficiente», conclúe.

Con corenta anos recén cumpridos (o 27 de febreiro), Modesto Fraga xa ten ás súas espaldas numerosos recoñecementos en forma de premios como o Avelina Valladares, Rosalía de Castro, Francisco Añón, Fernández del Riego ou o Ramón Cabanillas. Con só 23 anos publicou Do amor salgado, o seu primeiro poemario.

Ademais dos libros, a unión de Modesto á súa terra tamén se trasladou á vida política. Nas eleccións municipais do ano 2011, presentouse como candidato á alcaldía polo BNG e acadou o mellor resultado da historia para a formación nacionalista na súa vila. Durante nove meses, entre febreiro e novembro de 2012, ocupou tamén o cargo de responsable e voceiro do partido na Costa da Morte. «Da política quédome con dúas vertentes. Unha, ilusionante, por intentar, na medida do posible, buscar o mellor para Fisterra, que ten unhas potencialidades enormes e que, ao meu xuízo, non están ben explotadas. Pero tamén me levei decepcións, con obstáculos internos que non benefician a ninguén», lembra.

«De vez en cando hai que soltar lastre, e eu tomei a decisión de deixalo», explica Modesto Fraga en referencia a esa etapa. «En tódalas cousas hai que sacar a lectura positiva».